O certame outorgará un único premio dotado de 12.000 € para obras de teatro escritas en lingua galega
O prazo para presentar propostas permanecerá aberto ata o 31 de outubro e o fallo do xurado producirase coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, o 29 de xaneiro
A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación, unha iniciativa que coincide coa conmemoración do 75 aniversario do falecemento do escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Trátase dun único premio, dotado de 12.000 euros, que tamén inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra ata un máximo de 800 exemplares.
Poden presentarse a este galardón, que pon en marcha por vez primeira a Deputación de Pontevedra, aquelas persoas maiores de idade que presenten obras de teatro escritas en lingua galega de acordo coa normativa da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos). As obras non poden ter recibido ningún premio noutros certames, nin tampouco ter sido xa levadas á escena. E as propostas serán totalmente anónimas, baixo o sistema de plica. O prazo de presentación dos traballos pecharase o 31 de outubro de 2025.
A obra gañadora será publicada e seleccionada por un xurado integrado polo presidente da Deputación, o secretario da Deputación e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego. O fallo do xurado realizarase o próximo 29 de xaneiro de 2026, data do aniversario de nacemento de Castelao.
O obxectivo do I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra é fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da provincia. O premio tamén busca incentivar e lembrar a creación dramática en lingua galega e figura do dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e incidir de forma directa na participación e na promoción da lingua galega.