HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense garante a viabilidade da mellora do regadío na...

A Deputación de Ourense garante a viabilidade da mellora do regadío na Limia coa aprobación en pleno dun investimento de 4 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

O Goberno provincial comprometeuse a que o proxecto fose unha realidade destinando recursos propios para facer fronte á parte de financiamento que lle corresponde asumir aos regantes. No caso da institución provincial isto implica investir 4 millóns de euros desde o exercicio de 2024 e ata o ano 2031, con achegas anuais por importe de 500.000 euros

No pleno de hoxe tamén se aprobaron as bases de tres dos programas de cooperación BenOurense para 2025: servizos complementarios de atención á infancia; mantemento dos Puntos de Atención á Infancia (PAI); e persoal  técnico, que cun orzamento total próximo a 550.000 euros permitirán, un ano máis, reforzar a atención social nos concellos ourensáns.

A Corporación provincial pronunciouse a favor de dúas iniciativas: o reforzo de maneira prioritaria dos efectivos da Garda Civil asignados á provincia de Ourense, e a petición de solucións urxentes fronte á contaminación crónica do encoro das Conchas

A Corporación provincial de Ourense, no pleno correspondente ao mes de xuño, aprobou esta mañá por unanimidade un convenio de colaboración coa Comunidade de Regantes Nova Limia, que garantirá cun investimento de 4 millóns de euros financiados pola Deputación a execución do proxecto de mellora do regadío na Limia, mediante actuacións en 42 captacións de augas subterráneas.

A consolidación do regadío nesta comarca supón un investimento total próximo aos 50 millóns de euros, coa implicación do Goberno central, a Xunta de Galicia e a propia Deputación de Ourense, o que dará lugar a 4.000 hectáreas de regadío na zona agrícola máis importante de Galicia e nun área estratéxica para a provincia dentro do sector primario.

Deste total, a Comunidade de Regantes Nova Limia debe facer fronte a máis de 15,2 millóns de euros, cantidade que, entre outros capítulos, correspóndese co 20 % do custo da actuación e mailo IVE. A Deputación de Ourense, ademais da Xunta de Galicia, comprometeuse a que o proxecto fose unha realidade destinando recursos propios para facer fronte á parte de financiamento que lle corresponde asumir aos regantes. No caso da institución provincial isto implica investir 4 millóns de euros desde o exercicio de 2024 e ata o ano 2031, con achegas anuais por importe de 500.000 euros.

Os obxectivos do plan de modernización do regadío da Limia inclúen o aforro e mellora na eficiencia do uso da auga de rega, a regularización dos recursos hídricos da comarca, a introdución de técnicas máis eficaces, a mellora da renda agraria, favorecer unha agricultura sustentable e respectuosa co medio e a mellora da calidade de vida dos agricultores.

Programas de cooperación BenOUrense

Na sesión de hoxe tamén se aprobaron as bases de tres dos programas de cooperación BenOurense para 2025: servizos complementarios de atención á infancia; mantemento dos Puntos de Atención á Infancia (PAI); e persoal  técnico, que cun orzamento total próximo a 550.000 euros permitirán, un ano máis, reforzar a atención social nos concellos ourensáns.

As axudas para os servizos complementarios de atención á infancia (135.000 €) están destinadas a servizos municipais, de xestión directa ou indirecta, en xornada diúrna, con funcións de atención e coidado fóra da xornada escolar para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, como soporte e apoio ás familias para contribuír á conciliación laboral e familiar.

Polo que atinxe aos Puntos de Atención á Infancia (115.000 €), as subvencións permiten manter estes establecementos municipais de carácter diúrno en concellos de menos de 5.000 habitantes, coa finalidade de prestar apoio aos proxenitores, titores ou gardadores dos menores de entre 3 meses e 3 anos.

En canto a persoal técnico (299.511 €), regúlanse as subvencións para entidades locais de menos de 20.000 habitantes, co obxecto de garantirlles o financiamento para contratar traballadores para os equipos sociais comunitarios, con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social. Inclúense as mancomunidades que xestionan servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes.

Asuntos de trámite

Na sesión de hoxe aprobouse tamén a adhesión da Deputación ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISAPC), do que forman parte as tres universidades galegas e cuxa principal función é desenvolver investigacións e xerar coñecemento científico no estudo do territorio como espazo habitado, produtivo, visitado, gobernado e en transformación, abordado desde as ciencias sociais e humanidades.

Na orde do día figuraban ademais outros asuntos, como a ordenanza que regula a xestión, programación anual e matrícula do Obradoiro de Gaitas e Instrumentos Tradicionais da Deputación; a delegación de competencias do Concello de Xunqueira de Espadanedo na Deputación para a xestión do imposto sobre vehículos; o cambio de finalidade de subvencións que afectan a tres concellos e a nove entidades empresariais, sociais e deportivas; e o cambio de data do pleno de xullo, que se celebrará o día 24, xoves, e non o último venres de mes como sería habitual dado que coincide coa celebración do Día de Galicia.

Petición de reforzos da Garda Civil para a provincia

No apartado de mocións, o pleno pronunciouse a favor dunha proposta na que se insta ao Ministerio do Interior a que, en coordinación coa Dirección Xeral da Garda Civil, se proceda a reforzar de maneira prioritaria os efectivos asignados á provincia de Ourense. Tamén se pide ao Goberno o incremento e mellora de recursos materiais, medios técnicos e de seguridade destinados aos cuarteis e postos da Garda Civil que prestan servizo na provincia, co fin de mellorar a seguridade dos propios axentes e a súa operatividade e capacidade de resposta. Ínstase ademais ao Executivo a dotar a todos os postos e cuarteis de Garda Civil de sistemas de subministración eléctrica de emerxencia, para que ante calquera eventualidade (meteorolóxica, enerxética, etc.) podan seguir prestando os seus servizos con normalidade.

Reclamación de solucións á contaminación do encoro das Conchas

Tamén aprobouse unha iniciativa para esixir solucións urxentes fronte á contaminación crónica do encoro das Conchas, pedindo a solidariedade da institución provincial coa demanda presentada pola veciñanza e entidades ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recoñecendo o seu dereito a vivir nun entorno san e libre de contaminación.

Ínstase á Xunta de Galicia a que unha vez elaborado o informe xeral por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) que negocian as comunidades autónomas, declárese A Limia como Zona Vulnerable por nitratos, poñendo así en marcha as medidas contempladas nos 6 eixos de actuación do Plan Estratéxico da Limia (PEL), consensuados con todos os actores sociais, técnicos e económicos da comarca.

Solicítase ao MITECO un plan de emerxencia de descontaminación do encoro das Conchas cun cronograma, orzamento específico e medidas de control rigoroso sobre vertidos de xurros e residuos agrogandeiros.

Reclámase que se poña a disposición dos concellos afectados (Bande, Muíños, Lobeira, Lobios e Entrimo) o apoio técnico, xurídico e financeiro da Deputación para establecer sistemas alternativos de abastecemento de auga potable, con medidas de protección sanitaria para a veciñanza e desenvolver estudos epidemiolóxicos sobre o impacto da contaminación na saúde pública.

Outro dos puntos de acordo esixe liñas de axuda da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Xunta de Galicia para compensar os prexuízos económicos causados pola contaminación e apoiar iniciativas de desenvolvemento rural sustentable nos concellos afectados como alternativa ao modelo de gandería intensiva actual.

Ademais solicitar que se adopten medidas cautelares para protexer a saúde pública, tamén se insta ás administracións competentes a aplicar normativas precisas para que a empresa concesionaria responsabilícese do coidado do encoro.

Publicacións Relacionadas