Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial
Os concellos de menos de 20.000 habitantes da contorna do Salnés recibirán ata 780.000 de euros para facer fronte a políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais e nas Axudas Básicas de Emerxencia para 2024, que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación pon a disposición destes concellos 659.000 euros. Destes recursos, 250.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e, 409.000 euros a cubrir os custos do persoal dos Servizos Comunitarios. En concreto, A Illa de Arousa poderá recibir ata 32.195 euros, Cambados 69.385 €, Catoira 28.694 €, Meaño 69.757 €, Meis 44.596 €, O Grove 79.306 €, Pontecesures 35.038 €, Ribadumia 36.654 €, Sanxenxo 101.683 €, Valga 57.346 € e Vilanova de Arousa 104.248 €.
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon a disposición dos concellos da contorna do Salnés 110.500 euros, para que poidan atender ás demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, A Illa de Arousa poderá beneficiarse de ata 7.800 euros, Cambados de 12.800 €, Catoira 9.300 €, Meaño 11.800 €, Meis 9.300 €, O Grove 13.300 €, Pontecesures 9.300 €, Ribadumia 11.800 €, Sanxenxo 13.800 €, Valga 11.800 € e Vilanova de Arousa 13.800 €.
As Axudas Básicas de Emerxencia destinaranse a alimentación, vivenda subministros básicos, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, á adquisición de electrodomésticos básicos, pagamento de desprazamentos, pagamento da reparación e mantemento de vehículos, pagamento de lentes, lentes de contacto e audiófonos, pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio, atencións de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.

