A Deputación destina máis de 100.000 euros á promoción da lamprea como recurso turístico no Condado-Paradanta

adminON
Lectura mínima de 3

Porase en marcha un Club de Produto e diversas actividades e servizos relacionados con esta referencia gastronómica, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística

A Deputación traballa na creación dun Club de Produto da Lamprea para xerar sinerxías entre os diversos operadores económicos do Condado-Paradanta, e poñer en marcha actividades para promocionar esta referencia gastronómica do sur da provincia como recurso turístico sostible. Cun orzamento máximo de 102.118 €, este club permitirá revalorizar a lamprea, a súa cadea de valor e a súa condición como produto destacado nesta comarca pontevedresa. As empresas interesadas en desenvolver o contrato poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de marzo.

O proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Condado-Paradanta desenvolverase nos concellos da Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. O contrato comprenderá dúas fases: unha primeira de estudo e análise e unha segunda de implementación e posta en marcha do Club de Produto da Lamprea.

Na primeira fase avaliaranse os recursos, produtos e axentes que existen na actualidade na posta en valor da lamprea coa recompilación dos recursos turísticos dispoñibles; o estudo e identificación de axentes económicos; a revisión de actividades e actuacións relacionadas coa lamprea executadas anteriormente; o estudo dos axentes que poidan ser complementarios na súa cadea de valor, e a análise da demanda do produto. Tamén se realizará un estudo para identificar e analizar os produtos, actividades ou servizos gastronómicos que poidan ser complementarios á lamprea e que permitan configurar novas actividades ou experiencias, aumentar o seu valor engadido ou incrementar o interese de rutas turísticas e gastronómicas nas que se identifique como principal produto a degustar.

Posteriormente, na fase de posta en marcha do Club, definirase o mesmo, así como órgano xestor, a súa estrutura de xestión, os usuarios e axentes económicos, ou os criterios e requisitos do proceso de adhesión, entre outras cuestións. Ademais, a empresa deberá elaborar e deseñar unha estratexia de actuación e outra de comunicación do mesmo.

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino Condado-Paradanta, financiado con 1,5 millóns de euros a través dos fondos Next Generation, ten como finalidade promover o crecemento equilibrado e impulsar a renovación do sector turístico da comarca e orientalo na dinámica do turismo sostible, mellorando tamén a calidade de vida na contorna. A idea é situar ás persoas no centro da estratexia, potenciando a xeración de oportunidades e a participación cidadá e dos visitantes no desenvolvemento dun novo modelo turístico.

Comparte este artigo