As xornadas celebraranse do 29 ao 30 de maio no Edificio Castelao
A Deputación de Pontevedra difundirá nas Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra 11 proxectos innovadores e investigacións relacionadas coa educación, a relación coas comunidades e a difusión nos museos de entidades de Galicia, Castela-A Mancha e a Comunidade de Madrid. A segunda edición das Xornadas de Educación terá lugar os días 29 e 30 de maio no Edificio Castelao onde se darán cita profesionais de museos, asociacións e colectivos culturais de toda a península baixo o lema “Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías”.
As comunicacións presentaranse en tres bloques. O primeiro céntrase en “O papel dos departamentos de educación: construíndo comunidades”. A mediadora cultural Aida Lojo presentará o proxecto “Somos un Ribeiro diverso”, realizado para o Museo Etnolóxico de Ribadavia. María Perlines, Gema Alonso e Mª Teresa Zahonero exporán a iniciativa “Museos e educación en Castela-A Mancha: un exemplo de colaboración interadministrativa”. Paula Toimil, da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, realizará a comunicación “Iogaiás e respirar a arte”. Violeta Cristina Martínez, do Museo da Guerra Civil Española e Posguerra, presentará “O Museo da Guerra Civil en Morata de Tajuña: un espazo de reconciliación histórica e a Batalla do Jarama”. E Ana Estévez Lavandeira, do Museo do Pobo Galego, intervirá con “Historias dun lugar. A memoria colectiva e afectiva de Bonaval”.
O segundo bloque de comunicacións estará dedicado a “Arte, deseño e patrimonio: experiencias educativas de colaboración”, con tres comunicacións a cargo de docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A primeira é de Nuria Bouzas Loureiro, co proxecto “Deseño e patrimonio: O Museo de Pontevedra como recurso nas ensinanzas de deseño. O proxecto Grafismos como proposta”. Xunto a Fruela Alonso presentará “A paisaxe pictórica na colección permanente do Museo de Pontevedra como recurso para as ensinanzas de Belas Artes”. E Silvia Capelo Álvarez falará de “Aprendizaxe transformadora desde a cuarta dimensión da A/R/Topografía: a comunidade”.
O terceiro e último bloque de comunicacións versará sobre “Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio”. O primeiro proxecto que se presentará é “Paleo no barrio: ciencia de proximidade. Experiencia educativa nas aulas viguesas”, a cargo dun equipo da Universidade de Vigo, o Museo Nacional de Ciencias Naturais -MNCN-CSIC- e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – FECYT-. María Perlines, Gema Alonso, P. Jérez e C. Fernández, da Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha, darán a coñecer a iniciativa “Museos, igualdade de xénero e educación: para que as nenas se vexan representadas e os nenos aprendan o equilibrio”. Por último, Antonio Sánchez Rosa, Isabel Iturriaga Gomes e Mónica López Sánchez, do equipo do máster en Museos e Patrimonio Histórico-Artístico da Universidade Complutense de Madrid intervirán con “Construíndo vínculos entre os axentes culturais, os museos e as súas comunidades locais: experiencias de mediación práctica no barrio de La Latina (Madrid)”.
Programa
O programa das Xornadas inclúe comunicacións, conferencias, mesas redondas e coloquios nos que participarán representantes de museos, universidades, colectivos e asociacións culturais de León, Madrid, Málaga, Asturias, Alacante, Murcia e Galicia. Toda a información pode consultarse no espazo web https://museo.depo.gal/xornadas-educacion.
As xornadas son un foro de debate no que coñecer experiencias novidosas e xuntar as perspectivas de profesionais dos museos e do ámbito educativo, investigadores e estudantes sobre o papel dos museos na sociedade. O evento tratará de erixirse como un lugar de encontro e intercambio de coñecementos e inquedanzas arredor do reto de ofrecer unha oferta cultural que responda ás necesidades dunha sociedade plural e cambiante. Esta edición pecharase cun concerto a cargo do Coro Infantil e Xuvenil Luis García Limeses, acompañado de Dana Rey (violín), Elsa Pidre (violonchelo) e Isabel Pérez (pandeireta).