Rafa Domínguez: “A colaboración coa Universidade de Vigo fai que a Bienal chegue a un novo nivel, sumando talento, creatividade e compromiso coa nosa contorna. Este é só o comezo dunha alianza chamada a medrar”
A colección, que se compón de bolsas de algodón, sombreiro, cadernos, lapis e termo, foi deseñada no marco dun convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, e a Facultade de Deseño da Universidade de Vigo
A Deputación de Pontevedra e a Facultade de Deseño da Universidade de Vigo acaban de presentar B32, a colección de merchandising oficial deseñada para a Bienal de Arte e dispoñible xa na tenda do Museo de Pontevedra no Edificio Castelao.
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación e responsable da área de Cultura, subliñou durante o acto que “esta colección representa á perfección o espírito da Bienal: actual, comprometido e ligado á nosa realidade cultural. Grazas ao traballo da Universidade de Vigo, da súa comunidade docente e estudantil, damos un salto adiante na profesionalización e na proxección da Bienal cara a novos públicos.”
A colección, que toma o seu título da 32ª edición da Bienal de Pontevedra, foi deseñada por un equipo multidisciplinar de profesorado e estudantes do Grao en Deseño e do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo. A partir da imaxe gráfica da Bienal de Pontevedra, o alumnado da Facultade de Deseño desenvolveu propostas de cor, rapport e aplicacións gráficas para implementar en diferentes produtos: bolsas de algodón, sombreiro reversible, cadernos de peto, lapis de carpinteiro e termos de gran capacidade, todos deseñados para ser aptos para todo tipo de público.
Domínguez destacou tamén que “é fundamental abrir espazos de colaboración real coa Universidade, especialmente en proxectos como a Bienal, que aspiran a ter impacto máis alá do artístico. Esta primeira experiencia conxunta demostra o potencial de traballar con centros de coñecemento e formación, e sen dúbida consolida unha liña de traballo que queremos manter e ampliar.”
O deseño de produto completouse tamén con fotografías de campaña que foron realizadas en diferentes estancias do convento de Santa Clara.