O obxectivo desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, é organizar sesións informativas en todos os concellos da provincia
As xornadas “Alzheimer de preto”, organizadas pola Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL) e a Deputación de Pontevedra, continúan o seu percorrido pola provincia e chegarán esta semana a catro concellos da provincia: Bueu, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ribadumia e Salvaterra de Miño. A través desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, organizaranse sesión formativas sobre esta enfermidade nos 61 concellos da provincia.
En concreto, en Bueu as xornadas celebraranse o martes 15 e o mércores 16 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, na Sala Multiusos do Centro Social; en Salvaterra de Miño o martes 16, de 16:30 horas a 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello, e en Ponte Caldelas o xoves 17 de outubro de 10:00 a 14:00 horas no Centro Cultural Enrique Lafuente Rodríguez. Ademais, o venres 18 de outubro será a quenda de Pazos de Borbén, onde terán lugar no Auditorio do Concello, e Ribadumia, no Auditorio Municipal, en ambos casos de 16:00 a 20:00 horas.
O obxectivo destas xornadas é que familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral poderán coñecer de preto a enfermidade, a súa evolución ou pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, darase orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos, así como facilitaranse novidades en canto a investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, ou tramitación documental e asesoramento legal.
O proxecto financiado pola Deputación será xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).

