A Deputación e FADEAL levan esta semana as xornadas de concienciación sobre o alzhéimer a seis concellos da provincia

adminON
Lectura mínima de 3

O obxectivo desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, é organizar sesións informativas en todos os concellos da provincia

As xornadas “Alzheimer de preto”, organizadas pola Federación Atlántica de Asociacións de Familias de Persoas con Alzhéimer e outras demencias (FADEAL) e a Deputación de Pontevedra, continúan o seu percorrido pola provincia e chegarán esta semana a seis novos concellos: Valga, Rodeiro, Dozón, Campo Lameiro, Salceda de Caselas, Vilanova de Arousa. A través desta iniciativa, para a que a institución provincial achega 15.000 euros, organizaranse sesión formativas sobre esta enfermidade nos 61 concellos da provincia.

En concreto, este luns 16 de decembro o proxecto chega a Valga, de 10:00 a 14:00 horas no Auditorio Municipal. O mércores será a quenda de Salceda de Caselas, onde se celebrará unha segunda sesión o xoves 19, en ambos casos de 16:30 a 18:30 horas na antiga escola de Sanxurxo e actual centro de enfermidades neurodexenerativas de AFAGA. Tamén o xoves haberá xornadas en Rodeiro, de 10:00 a 14:00 horas no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares, e Dozón, de 16:00 a 20:00 horas na Cámara Agraria de Dozón. Por último, “Alzheimer de preto” celebrarase o venres 20 de decembro en Campo Lameiro, de 10:00 a 14:00 horas no Centro de Maiores, e a Vilanova de Arousa, de 16:00 a 20:00 horas no Auditorio Valle Inclán.

O obxectivo destas xornadas é que familias coidadoras, persoas diagnosticadas e a poboación en xeral coñezan de preto a enfermidade, a súa evolución ou as pautas para facilitar o día a día dos doentes, isto é, información, asesoramento e orientación a todas as persoas interesadas de todos os recunchos da provincia, atendendo especificamente as persoas que residen no rural. Concretamente, abordaranse os primeiros pasos tralo diagnóstico desta ou outras enfermidades neurodexenerativas, darase orientación sobre recursos asistenciais e sanitarios, tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos, así como facilitaranse novidades en canto a investigación, pautas para o manexo no fogar ou fóra del, ou tramitación documental e asesoramento legal.

O proxecto financiado pola Deputación está a ser xestionado a través das entidades asociadas da federación, que serán as encargadas de realizar as sesións informativas ao longo da provincia: a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra (AFAPO), a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias da Comarca do Morrazo (AFAMO), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer (AFASAL).

Comparte este artigo