A Deputación de Ourense intervirá de xeito provisorio na estrada de San Vicente de Leira (Vilamartín) para ofrecer unha alternativa segura de acceso 

Redacción
Lectura mínima de 3

Así o anunciou o presidente da Deputación, Luis Menor, logo da reunión que mantivo co alcalde, Enrique Álvarez.

Menor comprometeuse tamén a colaborar na mellora do campo de fútbol do Córgomo, co arranxo das instalacións e a instalación de céspede artificial

A Deputación de Ourense intervirá de xeito provisorio na estrada de San Vicente de Leira (OU-0807), no Concello de Vilamartín, co obxectivo de ofrecer á veciñanza unha alternativa segura de acceso a esta localidade. Así o anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, logo da reunión que mantivo co alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

Luis Menor explicou que tras constatarse a imposibilidade de executar o antigo proxecto de rehabilitación do acceso ao pobo, debido ao “custo inasumible” que ten para administración provincial (case 13 millóns de euros no ano 2020), acordouse desenvolver unha serie de actuacións no tramo de estrada municipal para mellorar o acceso a San Vicente.

Luis Menor detallou o alcance da proposta acordada, que inclúe o aglomerado da vía local, así como o acondicionamento das cunetas para garantir un tránsito “adecuado e seguro que mesmo permita o cruce simultáneo de dous vehículos”.

Nos vindeiros días, técnicos da Deputación trasladaranse ata San Vicente para valorar esta alternativa -explicou o presidente provincial- e buscar así os recursos “para que se inicien as obras canto antes e darlle unha solución á veciñanza”.

Pola súa parte, Enrique Álvarez agradeceu a colaboración da Deputación para unha intervención axeitada e que a veciñanza “gañe en seguridade”.

O alcalde expresou o seu desexo de que esta solución que afecta ao tramo de Ferrería a San Vicente se amplíe ata Vilamartín, para así beneficiar nunha segunda fase a outros núcleos do municipio, mellorando a conectividade viaria do municipio.

Renovación do campo de fútbol do Córgomo

Por outra banda, na reunión co alcalde de Vilamartín, Luis Menor comprometeuse tamén a colaborar na mellora do campo de fútbol do CD Córgomo Vilamartín, “equipo punteiro na primeira Futgal”.

A través dun convenio entre ambas institucións levarase a cabo o arranxo das instalacións e a instalación de céspede artificial para “ofrecer unhas instalación dignas ao club de fútbol, que tantas alegrías nos está a dar”, puntualizou o alcalde.

Comparte este artigo