A Deputación e FADEMUR promoverán a igualdade nas escolas rurais da provincia de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 2

A institución provincial achega 10.000 euros para desenvolver campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización entre nenos e nenas de educación primaria

A Deputación de Pontevedra acaba de firmar un convenio con FADEMUR Galicia para o desenvolvemento do proxecto “Formando en igualdade para previr a violencia de xénero: Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais”. A institución provincial financiará con 10.000 euros este proxecto, que busca previr a violencia de xénero en prol da igualdade no alumnado de Primaria dos centros educativos do rural da provincia de Pontevedra. Ao abeiro do mesmo contémplase desenvolver campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización para establecer as bases, coñecementos e actitudes necesarias, así como crear ferramentas, para adoptar comportamentos máis igualitarios e menos tolerantes con todo tipo de violencia contra as mulleres.

Desta maneira, o obxectivo desta iniciativa é establecer relacións equilibradas e construtivas, desenvolver condutas e habilidades que lles permitan ás persoas participantes vivir libres de violencia, recoñecela en si mesmas e noutras persoas, e adquirir habilidades persoais de autoprotección, así como comprender as desigualdades de xénero existentes. Ademais, entre outros, o programa busca sensibilizar ao alumnado de primaria sobre a importancia da igualdade de xénero e o respecto cara a todas as persoas, independentemente do seu sexo, e promover e potenciar o bo trato, a educación en valores e a diversidade a través de pílulas formativas e talleres presenciais para os colexios.

O proxecto propón achegar ás escolas campañas personalizadas, con intervencións directas e que atendan ás especificacións dos colexios e incluso de cada unha das aulas. Deste xeito, ademais do anterior, tamén se informará ao alumnado sobre os diferentes tipos de violencia machista, incluíndo a violencia física, psicolóxica e sexual, e proporcionaráselle ferramentas para identificar e previr situacións de risco, promovendo o entendemento e as relacións saudables, a importancia do respecto mutuo e o diálogo.

Comparte este artigo