– O Pleno celebrado este martes aprobou unha moción socialista para que o Executivo autonómico paralice de inmediato as obras de reconversión de habitacións individuais en dobres neste centro, un dos máis grandes da cidade de Lugo con 218 prazas
– Luz verde a outra iniciativa do PSdeG para que o Goberno de Rueda reforce o persoal de atención á diversidade nos centros educativos públicos da provincia de Lugo
O Pleno da Deputación aprobou este martes esixir á Xunta de Galicia que rectifique o seu proxecto na Residencia das Gándaras, en Lugo, para garantir a dignidade das persoas maiores. Así se acordou na sesión celebrada pola mañá no Pazo de San Marcos tras a moción presentada polos socialistas e que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, o BNG e o Deputado non adscrito e os votos en contra do PP.
“Estamos ante unha reforma que atenta directamente contra a dignidade e dereitos fundamentais das persoas maiores, pola transformación sistemática de habitacións individuais en dobres. Cremos que Lugo debe posicionarse como unha cidade que coida dos maiores e que defende un modelo de residencia baseado en unidades de convivencia individuais e non en pavillóns de amoreamento e estamos contentos de que finalmente se escoite aos residentes, está claro que 15 mobilizacións e traer unha moción a esta casa xurde efecto e esperamos que se acaden solucións”, sinalou a Presidenta da institución provincial, Carmela López, antes de entrar á sesión plenaria deste mes.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou nese sentido que as habitacións son “para moitas persoas o único lugar de intimidade real. O espazo onde descansan, onde se cambian, reciben á familia ou poden estar mal sen sentirse observadas” e que un centro residencial “non é un almacén, é un fogar”. E criticou o oportunismo da Xunta, que onte enviou ao seu Delegado en Lugo a falar cos residentes para lavar a cara ante a prensa, pero non para buscar solucións reais.
Apuntou que a Deputación de Lugo posiciónase con claridade do lado das persoas, das traballadoras, residentes e familias que fan uso do centro lucense, aos que ninguén lles preguntou antes de deseñar este plan. E por iso subliñou que os socialistas presentaron esta iniciativa, para defender os dereitos das persoas e para dicirlle ao Goberno de Rueda que a Residencia das Gándaras non se reforma contra quen vive alí, senón con quen vive alí, e que escoiten e rectifiquen para non ir en contra da xente.
O documento presentado polos socialistas inclúe instar á Xunta de Galicia a paralizar “de inmediato” as obras de reconversión de habitacións individuais en dobres; de esixir a modificación do proxecto para que se respecte a configuración de habitacións individuais; organizar unha reunión entre a administración autonómica, a dirección do centro, os representantes dos residentes e as persoas afectadas, para consensuar o modelo de reforma que respecte a vontade dos que viven alí.
Defensa por unha educación pública de calidade
O Pleno ordinario celebrado esta mañá aprobou tamén unha iniciativa socialista para reclamar á Xunta de Galicia a necesidade de reforzar o persoal de atención á diversidade nos centros educativos da provincia. A moción contou cos votos a favor do PSdeG, o BNG e o Deputado non adscrito e os votos en contra do PP.
“Levamos anos vendo o declive da ensinanza pública por falta de vontade política. É evidente que Galicia arrastra unha falta estrutural de profesorado especialista en atención á diversidade, o que impide garantir unha educación verdadeiramente inclusiva e adaptada ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio”, sinalou a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira. Destacou ademais que este ano o curso académico arrancou na provincia de Lugo 157 vacantes de profesorado sen cubrir, “algo que se repite ano tras ano”.
Defendeu que son numerosos os exemplos de centros na provincia de Lugo que carecen de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e de Audición e Linguaxe (AL) a pesar de contar con alumando que ten ditame recoñecido, ou nos que a atención á diversidade queda gravemente limitada pola falta de recursos humanos mínimos, xerando unha situación de desigualdade entre concellos.
O texto presentado polos socialistas inclúe ademais que a Xunta de Galicia elabore e poña en marcha “de maneira inmediata” un Plan de Choque específico para reforzar os especialistas en atención á diversidade; que dote este dos recursos económicos e humanos necesarios; que revise os criterios de asignación e ratios de profesorado PT e AL; e que garanta a cobertura efectiva das prazas necesarias.



