HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación estreita lazos coa Fundación Venancio Salcines para que galegos da...

A Deputación estreita lazos coa Fundación Venancio Salcines para que galegos da diáspora regresen a Ourense e revitalicen o sector industrial

- Anuncio -spot_img

Luis Menor puxo en valor a “gran oportunidade” de crecemento dos polígonos industriais que supón atraer talento galego residente no exterior

Venancio Salcines destacou a cooperación institucional para desenvolver iniciativas como o Encontro de Sober ou o programa Retorna Cualifica Emprego

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo co economista e profesor Venancio Salcines, presidente do Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e da Fundación Venancio Salcines, para afianzar liñas de cooperación e estreitar lazos en novos proxectos.

Menor comprometeuse a seguir impulsando a presenza de Ourense e da Deputación no Encontro de Sober, un foro económico estratéxico liderado por Cesuga que reúne a expertos do ámbito empresarial, académico e institucional para impulsar iniciativas que conecten talento e territorio.

Por outra banda, durante a reunión no Pazo Provincial, tamén se afondou nos resultados e nas previsións do programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta de Galicia. A través da Fundación Venancio Salcines, facilítase o regreso de galegos na diáspora á súa terra natal, con oportunidades de integración laboral en Galicia.

O presidente provincial destacou a “dinamización socioeconómica” como “obxectivo prioritario” da Deputación, en consonancia cos programas que prantexaron Venancio Salcines e o seu equipo. Así, Menor puxo énfase na “falta de man de obra que limita o crecemento da industria” na provincia, considerando o programa Retorna Cualifica Emprego como unha “gran oportunidade para aproveitar todas as potencialidades do sector industrial nos nosos polígonos”.

Pola súa parte, Venancio Salcines puxo en valor o traballo de cooperación coa Deputación de Ourense e coa provincia, sinalando como “fundamental” a presenza da institución ourensá en proxectos como o Encontro de Sober. Sobre os beneficios do programa Retorna Cualifica Emprego resaltou a “gran utilidade” que pode supor para as empresas dos polígonos industrias da provincia de Ourense contar con estes profesionais.

Publicacións Relacionadas