Terá lugar ás 11:00 horas no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela e enmárcase en “Unha vida olímpica”, a alianza establecida entre a Deputación e a olímpica para levar o nome das Rías Baixas polo mundo
A Deputación de Pontevedra organiza este mércores 15 de xaneiro en Tui a conferencia que pechará co cartel de “completo” o ciclo provincial co que Teresa Portela percorreu a provincia centrándose nos valores deportivos. Baixo o nome de “Unha vida olímpica”, trátase dunha alianza establecida entre a institución provincial e a piragüista olímpica co obxectivo de levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo. A conferencia terá lugar no novo espazo sociocultural situado na rúa Camilo José Cela ás 11:00 horas, coa asistencia de alumnado do CEIP de Pazos de Reis, o CEIP Plurilingüe nº1, o CPR Santa María e o CPR Seminario Menor Diocesano San Pelayo, así como integrantes do Club de Kayak Tudense. Coas confirmacións de asistencia contabilizadas ata este luns completouse a capacidade do espazo no que se desenvolverá a conferencia da olímpica.
Para a Deputación de Pontevedra Teresa Portela é un exemplo de constancia, conciliación e igualdade que se converteu en lenda non só polo seu extenso palmarés deportivo, senón polos valores que transmite. Deste xeito, a deportista afondará na súa conferencia en Pontevedra sobre a importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade. Tamén dará a coñecer a súa traxectoria deportiva, que a converteu na primeira muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, e amosará como os valores deportivos influíron no seu éxito. Ademais, a piragüista analizará a importancia, a relación e a pegada que a contorna da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas deixan na súa carreira.
O apoio do organismo provincial á deportista de Aldán supón unha mostra máis do compromiso do goberno da Deputación co deporte, a través do apoio aos deportistas e como instrumento para dar a coñecer o destino turístico Rías Baixas. Neste eido, a conferencia de Teresa Portela xa pasou tamén pola súa Cangas natal e polas cidades de Vigo e Pontevedra.