O proxecto ÁS recibirá un financiamento da institución provincial de 8.000 euros e está destinado a mulleres en situación ou risco de exclusión social da provincia
A Deputación de Pontevedra destinará 8.000 euros a través dun convenio ao proxecto ÁS, posto en marcha pola Federación pola igualdade das mulleres da provincia de Pontevedra (FEMUPO) para formar a mulleres en situación ou risco de exclusión social da provincia na pilotaxe de sistemas aéreos non tripulados (UAS/drons). Desta maneira, co desenvolvemento deste programa a Federación provincial busca proporcionar formación e capacitación laboral dirixida a mulleres en eidos e actividades fortemente masculinizadas, ampliando as súas habilidades profesionais e xerando oportunidades de emprego en industriais onde a utilización destes aparellos é esencial ou facilita a execución das tarefas.
O proxecto, que terá unha duración total de tres meses e se desenvolverá ata o mes de decembro deste 2024, contempla diferentes accións. Desta maneira, o primeiro paso é a selección das candidatas para participar nas accións formativas, dando prioridade a mulleres en situación ou risco de exclusión social que teñan interese por formarse no campo dos sistemas aéreos non tripulados.
A continuación, desenvolverase unha formación teórica e práctica, que correrá a cargo dunha persoa homologada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), seguindo ademais o temario oficial da mesma. A formación será presencial, terá unha duración de 32 horas e dividirase en tres bloques de formación presencial de oito horas de duración cada unha e dous bloques de prácticas formativas de catro horas cada unha delas, así como titorías para a preparación e soporte para a realización do exame oficial da AESA. A acreditación que obteñan terá validez oficial a nivel europeo e darase de alta as alumnas no rexistro como operadoras de UAS.

