Propón dotala dun Servizo Municipal de Apoio á Emancipación Xuvenil, un espazo artística, actividades de lecer alternativo, accións preventivas en favor da saúde e orientación afectivo-sexual
A fronte nacionalista defende unha xestión “participativa e autoxestionada” pola propia mocidade
Xabier P. Igrexas: “A Casa da Xuventude non pode ser unha simple conserxería nun chalé vistoso, debe ser un espazo vivo ao servizo das necesidades reais da xente nova”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe que a próxima reapertura da Casa da Xuventude, pechada desde marzo de 2024, non se limite a un lavado de cara, senón que se converta nun “espazo vivo” con servizos e actividades para a mocidade viguesa.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que a reapertura da Casa da Xuventude “é unha oportunidade para poñer punto e final á política de castigo continuado ás mozas e aos mozos da nosa cidade por do Goberno municipal”.
Igrexas criticou que o executivo de Abel Caballero fixese desaparecer programas como Súbete ó Castro e os seus grandes Castroconcertos, a Liga Xuvenil de Improvisación Teatral, o Punto Xove e deixou en mínimo o VigoSónico que, apuntou, “sobreviviu grazas á presión e a loita dos propios grupos musicais e da xente moza”. “O único que fixo Caballero nos últimos anos foi desmantelar unha política xuvenil, impulsada polo BNG hai 25 anos, e que lograra colocar Vigo como referente a nivel galego e estatal na atención das necesidades e intereses da xente nova, con proxectos como as Noites Vivas”, lamentou.
Cinco propostas para unha Casa da Xuventude “viva”
Diante disto, o BNG presenta cinco propostas ambiciosas para dotar de contido a Casa da Xuventude e convertela nun espazo útil e dinámico. En primeiro lugar, propón a creación dun Servizo Municipal de Apoio á Emancipación Xuvenil, que ofreza asesoramento en vivenda, emprego e emprendemento, axudando á mocidade a construír proxectos de vida propios nun contexto marcado pola precariedade. En segundo lugar, defende a habilitación dun espazo multidisciplinar para a creación e exposición artística, que sirva como escaparate do talento xuvenil vigués.
Ademais, o BNG aposta por un modelo de xestión participativo e autoxestionado, onde a propia mocidade teña voz na definición das actividades e alternativas de lecer, garantindo que respondan ás súas necesidades reais.
A fronte nacionalista tamén propón impulsar desde a Casa da Xuventude accións de prevención en saúde, con foco na loita contra trastornos aditivos como a ludopatía, o consumo de drogas ou o alcol. Finalmente, demanda a creación dun servizo de asesoramento afectivo-sexual, con especial énfase na sensibilización contra as violencias LGBTfóbicas, para promover relacións saudábeis e inclusivas.
O BNG trasladará estas propostas ao Goberno local, instando a que a Casa da Xuventude non quede nun “vistoso chalé baleiro de contido”. “Queremos que sexa un espazo vivo, onde a mocidade atope apoio, oportunidades e alternativas reais de lecer e para o seu desenvolvemento”, conclúe Igrexas.