A institución súmase á iniciativa promovida pola Asociación Española de Pacientes con Esofagite Eosinofílica que se celebra por primeira vez o 22 de maio
A Deputación de Pontevedra tinguirá de rosa o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste mércores 21 ata as 7:30 horas da mañá do xoves 22 ao abeiro da conmemoración do Esofagite Eosinofílica, que se celebra por primeira vez este ano e que terá lugar o 22 de maio. A institución provincial súmase así ás reivindicacións da Asociación Española de Pacientes con Esofagite Eosinofílica para dar unha maior visibilidade e concienciación sobre a realidade dos pacientes desta doenza e tamén das súas familias.
A esofagite eosinofílica é unha enfermidade crónica e pouco coñecida do aparello dixestivo que afecta o esófago e xera inflamación por unha resposta anormal dos eosinófilos. Esta patoloxía, de orixe inmunolóxica, está relacionada principalmente con alerxias alimentarias e ambientais, e provoca síntomas como a disfaxia (dificultade para tragar), impactos alimentarios ou dor no peito, ademais de refluxo. É, de feito, a primeira causa de disfaxia en España entre nenos e adolescentes, o que afecta significativamente a súa calidade de vida e desenvolvemento.
O Pazo provincial é un dos máis de 50 edificios e monumentos públicos que se suman a esta campaña, que leva o nome de “Dálle luz á EoE”. O primeiro Día Mundial da Esofagite Eosinofílica é unha oportunidade para que as persoas afectadas, que cada vez son máis, se sintan acompañadas, recoñecidas e escoitadas, amosando ao mundo que existen e non están soas.