O vicepresidente provincial Rafa Domínguez, acompañado da deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, reuniuse cos veciños de Santa María de Xeve para integrar as súas peticións nos proxectos de desenvolvemento da parroquia
A Deputación de Pontevedra incorporará as demandas dos veciños de Xeve no proxecto de redacción para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na estrada provincial EP-0018 Xeve-Amil-Esperegeueira. O vicepresidente da institución provincial Rafa Domínguez, acompañado da deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, reuniuse cos veciños de Santa María de Xeve para integrar as súas peticións nos proxectos de desenvolvemento e modernización da parroquia.
Durante a xuntanza, Domínguez e Couselo reafirmaron o seu compromiso coa mellora das infraestruturas en Santa María de Xeve, especialmente en relación coa estrada provincial que pasa por Casal Novo, a EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira. Neste eido, o vicepresidente escoitou as preocupacións, propostas, peticións e demandas das veciñas e veciños co obxectivo de incorporalas ao proxecto de redacción para a mellora desta estrada provincial e que actuación garanta, deste xeito, as verdadeiras necesidades da comunidade.
O compromiso do vicepresidente provincial é integrar todas as peticións veciñais nos proxectos de desenvolvemento de Xeve. Deste xeito, avanzou que se traballará en futuras intervencións que melloren a conectividade e seguridade da zona, desenvolvendo iniciativas que modernicen as infraestruturas pero, sobre todo, respondan ás prioridades dos habitantes da parroquia pontevedresa.

