Unha vintena de integrantes da Asociación de Veciños de Laxedo, na Lama, darán comezo ao taller Conservando a memoria
A Deputación de Pontevedra dá comezo este sábado 19 de outubro ao último dos obradoiros de Provincia Activa, o programa co que a institución está a impulsar o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Desta maneira, unha vintena de usuarios e usuarias da Asociación de Veciños de Laxedo, da Lama, darán inicio na Casa do Pobo ao taller Conservando a memoria.
Desde o pasado xuño e ao longo dos últimos meses, 130 entidades de 42 concellos da provincia (Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) desfrutaron das actividades deste programa, que mobilizou en total unhas 3.000 persoas.
A Deputación ofertou este ano catorce tipos de obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques: Benestar natural (Plantas medicinais), Saúde en movemento (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), Emociónate (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), Outra vida (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), Con ritmo! (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e Redeir@s (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado).

