O deputado provincial Roberto Carrero visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada integramente con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
O deputado provincial Roberto Carrero acaba de realizar unha visita a Tui, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a mellora da capa de rodadura da vía de acceso ao núcleo de Anta, na parroquia de Areas. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 150.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Nesta anualidade o plan destina á vila preto de 1.162.000 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 813.000 €.
O deputado deu conta dos traballos que Tui levará a cabo con estes fondos provinciais. Os recursos permitirán a renovación do pavimento na vía de acceso ao núcleo de Anta, na parroquia de Areas, que se atopa moi deteriorado e cheo de fisuras e fochancas. O proxecto ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria neste tramo e contempla as seguintes actuacións: a roza e limpeza de vexetación nas cunetas e marxes do camiño, o varrido do firme e fresado das zonas deterioradas, a canalización de augas pluvais e reposición da capa de rodadura de 6 centímetros de espesor, así como a colocación a cota das tapas de rexistro e o pintado da vía.
Roberto Carrero destacou que co Plan +Provincia “a Deputación dá resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que “este plan é o mellor exemplo de que o goberno provincial está do seu lado”. O deputado provincial lembrou que con este programa a Deputación de Pontevedra “está a impulsar actuacións tan importantes como a que hoxe anunciamos en Tui, que non só melloran a seguridade viaria da vila, senón que a modernizan e impulsan o avance de toda a nosa provincia”.