HomePontevedraO PP de Vilaboa esixe o inicio das rozas e a limpeza...

O PP de Vilaboa esixe o inicio das rozas e a limpeza de pistas para favorecer a seguridade viaria e a protección ante incendios

- Anuncio -spot_img

Os populares piden ao goberno local a posta en marcha urxente dun plan de actuación en cumprimento da normativa de prevención e para favorecer a visibilidade

O portavoz municipal do PP de Vilaboa, Alberto Acuña, vén de esixirlle ao goberno local a necesidade urxente de que impulse un plan integral de roza e limpeza de pistas municipais, camiños, cunetas, marxes de estradas e zonas públicas con risco potencial de incendio, especialmente ante a inminente chegada da tempada estival, para protexer á poboación e os bens dos veciños.

Desde o PP local quérese lembrar que a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece de forma clara a obrigación de manter limpos de maleza e vexetación combustible os terreos situados en franxas próximas a zonas habitadas, núcleos rurais, infraestruturas, camiños e redes viarias.

Por iso, o concelleiro popular insiste en que se trata dunha cuestión legal, pero sobre todo dunha responsabilidade que o Concello debe ter cos veciños, xa que advirte do abandono destas tarefas, “como tristemente está a suceder en Vilaboa polo deixamento do goberno socialista”, non só incumpre a normativa, senón que pon en risco a seguridade das persoas, os bens e o patrimonio natural do municipio.
“Cada ano vemos as consecuencias devastadoras dos incendios forestais en Galicia e a prevención empeza no local e desde o máis básico, que pasa por rozar e manter limpos as contornas vulnerables”, sinalou Acuña.

Ademais, o PP tamén solicita que este plan inclúa unha campaña de información aos veciños e propietarios sobre as súas obrigacións legais, xunto cun reforzo dos medios dispoñibles para a súa execución e supervisión. “Desde o noso grupo seguiremos vixiantes e trasladando as necesidades da veciñanza, porque protexer Vilaboa é unha tarefa de todos, pero empeza por un goberno local que actúe con responsabilidade e previsión”, apostilou.

Finalmente, Alberto Acuña incidiu en que esta tarefa de limpeza e roza integral, para a que insiste nunha execución urxente, tamén é fundamental para favorecer a seguridade viaria das pistas municipais, xa que estas tarefas melloran a visibilidade na circulación e diminúen o risco de accidente.

Publicacións Relacionadas