O Concello de Rodeiro tamén recibirá una illa ecolóxica de reciclaxe enmarcada no programa “Da túa man (rural)” financiado con fondos europeos
A Deputación de Pontevedra investirá preto de 378.000 euros na mellora da pavimentación de camiños e accesos a núcleos rurais do Concello de Rodeiro. A Xunta de Goberno autorizou na súa sesión celebrada hoxe a substitución do proxecto técnico co fin de acometer esta actuación, despois de que se tivesen que axustar algúns dos seus capítulos por condicionamentos impostos por Augas de Galicia.
Cos recursos provinciais o Concello de Rodeiro actuará nas parroquias do Salto (o acceso ao lugar de Calque), Rodeiro (o acceso ao lugar da Vila), Guillar (o camiño de Outeiro á Fraga) e Álceme (o camiño de Álceme a Rañestras e mais o acceso ao lugar de Rañestras). Procederase á limpeza das marxes e os foxos dos camiños, á execución e reforzo dos seus pavimentos, á reposición da sinalización horizontal localizada nos tramos afectados e á limpeza dos canos obstruídos. Ademais, onde o espazo dispoñible o permita, tamén se procederá a incrementar o ancho da superficie de rodadura.
Rodeiro instalará unha illa ecolóxica co programa “Da túa man (rural)”
A Deputación tamén aprobou a autorización da entrega ao Concello de Rodeiro dunha illa ecolóxica de reciclaxe enmarcada no programa “Da túa man (rural)”, co obxectivo de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local. En concreto, o Concello instalará na Avenida de Lalín-Monforte, á altura do número 12, unha illa composta por cinco contedores: un de papel e cartón, outro de vidro, un destinado a envases e dous para a fracción resto. Rodeiro tamén se beneficia, dentro deste programa, dos dispositivos para residuos especiais, xardineiras, accións de accesibilidade e instalación de sinalización.
As illas ecolóxicas están valoradas en 109.000 euros e chegarán a todos os concellos beneficiarios do programa (Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures). Contan con contedores específicos para o papel e cartón, para envases lixeiros, vidro, biorresiduos e fracción resto, con paneis de información e xardineiras ornamentadas. O programa “Da túa man (rural)” está financiado nun 80% a través de fondos europeos Next Generation.