Luis López salientou o plan, no que se financiaron 15 proxectos na zona, como un reflexo da aposta da Deputación polo municipalismo e o deporte
A Deputación de Pontevedra investiu na zona de Pontevedra máis de 730.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con achegas aprobadas para doce concellos da área. En concreto, financiáronse un total de 15 proxectos, que mobilizaron preto de 1,4 millóns de euros, xa que o orzamento podía completarse con achegas municipais, doutras administracións ou incluso de plans provinciais como o +Provincia.
En Barro investíronse 38.273,76 € para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo. Caldas de Reis recibiu 68.063,15 € para a mellora das gradas e da iluminación do campo de fútbol das Corticeiras. Campo Lameiro recibiu 28.825,58 € para a dotación de material deportivo con destino ao seu ximnasio municipal. No caso de Cerdedo-Cotobade, recibiu 48.432,03 € para a mellora das instalacións do campo de fútbol das Estremas. En Cuntis, o plan da Deputación destinou 39.960,83 € á mellora da accesibilidade do seu pavillón municipal. No caso da Lama, os 32.662,05 € de achega destináronse á mellora da eficiencia enerxética da fachada traseira do pavillón municipal.
Marín destinou 138.855,47 € a dous proxectos: o mantemento e mellora do skatepark (48.382,39 €) e a dotación de equipamento de ximnasio para a súa piscina municipal (24.335,11 euros). En Moraña, as achegas da Deputación permitiron investir 40.719,64 € no campo de fútbol de Mirallos (que tamén tivo unha inxección de 350.248,75 € do plan +Provincia). O Concello de Poio recibiu 105.530,41 euros que dedicou a tres proxectos: a instalación dunha pista de pump track (48.002,27 €), a reparación dos vestiario do campo de fútbol da Seca (48.395,22 €) e a subministración e instalación dun software de xestión e control de acceso do ximnasio municipal (9.002,40 €).
En Ponte Caldelas a Deputación deixou 47.830,43 € para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia (complementado con 158.241,05 € do plan +Provincia). En Portas os fondos, 34.397,84 €, dedicáronse ás obras de reparación da pista do pavillón polideportivo da Rapeira. Por último, en Sanxenxo dedicáronse 107.917,11 € para o acondicionamento das instalacións do campo de fútbol de Noalla.
Na súa valoración global do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o presidente Luis López sinalou que este é “a máxima expresión do que somos como goberno: a Deputación do municipalismo e do deporte”. O responsable provincial sinalou a súa grande acollida, xa que se financiaron un total de 75 proxectos dos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. “Este foi un dos primeiros plans que anunciamos como goberno, e reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia, que son auténticos templos para os hábitos de vida saudable, o lecer e o talento deportivo”, subliñou López.

