A cita anual de referencia organizada pola institución provincial a través do Museo de Pontevedra e coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebrarase os días 20 e 21 de novembro no Edificio Castelao
O XIV Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organiza a Deputación a través do Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, centrarase nesta ocasión no cal, un material presente nun gran número de elementos que forman parte do patrimonio cultural. Será os días 20 e 21 de novembro no Edifico Castelao, coa presenza de restauradores e expertos procedentes de diferentes puntos de España, ademais de México e Italia. Xa está aberta na web a inscrición para asistir de maneira gratuíta: https://museo.depo.gal/encontro-conservacion-restauracion.
No encontro abordarase o cal desde diferentes perspectivas: a súa utilización como material de creación, os danos derivados do seu uso e as posibilidades de intervención que ofrece. O cal aparece en inmobles, en esculturas ou en pinturas realizadas coa técnica do fresco, pero tamén en decoracións coma o singular esgrafiado, tan presente en Galicia. En ocasións, forma parte dunha intervención posterior, coma nos encalados que ocultan pinturas murais, e os profesionais actuais buscan novidosas solucións baseadas nas calidades deste material.
No encontro intervirán profesionais de referencia para cada unha das áreas temáticas que se abordan. As restauradoras do Parque Arqueolóxico de Pompeia, Ludovica Alesse e Paola Sabbatucci, falarán da presenza do cal no mítico xacemento romano; e a mexicana Alejandra Alonso Olvera falará da conservación do patrimonio prehispánico. Outras conferencias abordarán a produción de cal artesanal en Morón de la Frontera (Cádiz), o seu uso na arquitectura tradicional galega e, de maneira específica, a conservación das decoracións tradicionais de cal en Galicia, como cintados e esgrafiados.
Pinturas murais de Santa Clara
As pinturas murais do convento de Santa Clara en Pontevedra protagonizarán unha das conferencias, a cargo da conservadora-restauradora de CREA Restauración Yolanda Gómez Mirón. Ela mesma dirixirá, ao final do encontro, unha visita guiada para os participantes ao refectorio conventual no que apareceron as pinturas do século XVI. Outros monumentos e elementos patrimoniais nos que se centrarán diversas conferencias son os mosaicos do xacemento de Mérida, o trasaltar da Catedral de Burgos ou a fachada oeste da basílica de San Vicente, en Ávila.
A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 17 de novembro a través da web do Museo. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte. Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo.