– Dito proceso axusta e alinea a prótese externa con precisión a un vástago implantado previamente no óso do membro inferior do paciente nunha primeira operación
– A primeira fase desta cirurxía sobre o doente-un varón xoven- levouse a cabo hai oito semanas, e a segunda fase do proceso clínico celebrouse hoxe no servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Complexo Hospitalario pontevedrés
– A alternativa implantada neste paciente transformoulle a súa vida, pois a prótese conectada directamente ao seu óso ten implantada ademais un xeonllo electrónico que se manexa por computador, denominado c-leg
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a levado a cabo con éxito a primeira cirurxía en Galicia de implantación dunha prótese de membro inferior mediante oseointegración, unha técnica avanzada que ofrece unha solución funcional y biomecánica superior ás próteses convencionais, e proporciona unha mellora da calidade da vida nos pacientes amputados. Trátase dun fito médico e cirúrxico que empraza á Sanidade Pública galega e ao propio CHUP pontevedrés na vangarda das solucións avanzadas para persoas con amputacións.
O procedemento, realizado nun varón xoven cunha amputación supracondilea, permite a conexión directa da prótese externa ao óso do paciente, algo parecido o que ocorre nos implantes dentais. Cómpre sinalar que este procedemento desenvolveuse en dúas fases diferenciadas e complementarias, que requiriron a participación de equipos multidisciplinares altamente especializados.
Fases cirúrxica e de adaptación
A primeira fase foi a cirúrxica -levada a cabo hai oito semanas- onde, nun único acto, implantouse un sistema de anclaxe directamente no oso remanente do muñón do paciente amputado. E, na segunda fase, levouse a cabo a adaptación e a integración da prótese externa ao paciente.
A intervención cirúrxica foi efectuada polo equipo do servizo de Traumatoloxía do CHUP, coa colaboración do doutor Alberto Jorge Mora, actual xefe de Servizo de Traumatoloxía do CHUAC e experto en técnicas de reconstrucción e ciruxía pélvica.
Posteriormente, o proceso de protetización y readaptación funcional foi coordinado e levado a cabo pola unidade de amputados do Servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra -formada pola doutora Lourdes Rey Pita e a fisioterapeuta Esther Bouzas López- xunto con técnicos ortoprotésicos.
Precisamente hoxe venres no servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés procedeuse á adaptación da prótese do paciente cunha técnica que a axusta e alinea con precisión ao vástago sen necesidade de encaixe.
Asesoramento dos servizos de Rehabilitación e Traumatoloxía do CHUP
Desde o inicio desta intervención, os equipos profesionais dos servizos de Rehabilitación e de Traumatoloxía do CHUP asesoraron ao paciente, dando así mesmo un período de tempo suficiente para que o vástago que se lle implantou no seu óso integrara ben e que o pel do redor da saída de dito vástago cicatrizara axeitadamente.
Segundo sinala a xefa de servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a doutora María Teresa Jorge Mora, “este tipo de sistemas de ancoraxe dentro do oso, mediante un implante metálico similar ao que se efectúa cos implantes dentais, coñécese internacionalmente como TOPS -acrónimo en lingua inglesa de Transcutaneous Oseointegrated Prosthetic Systems-”.
Fito pioneiro en Galicia
A xefa de servizo de Rehabilitación e Medicina Física do Complexo Hospitalario, Teresa Jorge Mora, engade que “é un fito por primeira vez en Galicia que o noso Complexo implante en Pontevedra esta prótese osteointegrada, dado que para non poucas persoas con amputacións de perna o uso de próteses tradicionais pode converterse nunha experiencia complicada e con dor, irritacións de pel ou problemas de axuste. A alternativa implantada neste paciente transformoulle a súa vida, pois esta prótese osteo integrada BADAL X, conectada directamente ao seu óso ten implantada ademais unha c-leg, que é un xeonllo electrónico que se manexa por computador”.