O deputado provincial Javier Tourís visitou a oficina móbil, que percorrerá todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para divulgar os beneficios destas entidades xurídicas
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou este luns en Valga a oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para implicar os pequenos concellos nos retos da sostibilidade. O deputado provincial visitou as instalacións móbiles xunto co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro.
A oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria está a percorrer os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo. Trátase dun vehículo 100% eléctrico onde o persoal técnico do programa informará in situ sobre cuestións de índole legal (redacción e estatutos e normas, cesión de cubertas, revisión de contratos de execución de obras…), técnica (deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica) e económica (créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento…).
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. Actualmente a Deputación tamén está a realizar xornadas de capacitación en todas as comarcas da provincia para afondar en todas as cuestións relacionadas con proxectos de eficiencia enerxética.
A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.