A exposición, inaugurada polo deputado provincial Marcos Guisasola, estará aberta ao público na Sala Nauta ata o 22 de setembro e chegará proximamente tamén ao Grove e Vigo
A Deputación de Pontevedra acaba de inaugurar en Sanxenxo coa participación do deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, unha exposición sobre a pesca sostible nas Rías Baixas enmarcada nas accións do proxecto +Rías, que ten por obxectivo sensibilizar sobre a importancia da protección e conservación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, poñendo en valor os produtos do mar locais e sostibles. A mostra, que se inaugurou cunha degustación gratuíta de produtos artesanais capturados nas rías pontevedresas con técnicas sostibles, estará aberta ao público na Sala Nauta ata o 22 de setembro.
A exposición está composta por 19 fotografías sobre a pesca sostible nas Rías Baixas e os traballos gañadores do certame escolar de debuxo +Rías, correspondentes a Rodrigo Otero (Vilanova de Arousa), Tamara Domínguez (Meaño) e Laura Guerrero (Sanxenxo). “A protección da nosa natureza está en boas mans coas mozas e mozos que temos na provincia. Coidar dela significa garantir tamén o noso futuro”, asegurou o deputado provincial, que tamén subliñou “na Deputación traballamos e seguiremos traballando na sensibilización ambiental e no fomento da conciencia ecolóxica con respecto aos impactos da actividade humana no medio mariño. Agradezo enormemente que as administracións, os profesionais do mar, a poboación infantil e a sociedade en xeral compartamos este obxectivo”.
O proxecto +Rías está promovido pola Deputación de Pontevedra e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con iniciativas como esta, a Deputación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia.



