O grupo actuará no recinto feiral da Gouxa ás 13:00 horas no marco da XXIX Festa da Carne ao Caldeiro e Bola con Torresmos
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 1 de xuño a Dozón un concerto de Leirabuxo enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no recinto feiral da Gouxa a partir das 13:00 horas como parte da programación da XXIX Festa da Carne ao Caldeiro e Bola con Torresmos.
Leirabuxo nace da unión de catro amigos amantes da música e, na actualidade, duplican os seus integrantes ata os oito. Trátase dunha agrupación de música folk dirixida polo multinstrumentista Manuel Varela e cunha formación de big band, na que instrumentos de ventos se mesturan con outros máis senlleiros como a zanfona, a gaita ou percusións tradicionais. De feito, Leirabuxo debe o seu nome ao instrumento que naceu dun pau desta planta. A sonoridade leva a banda a desenvolver unha linguaxe propia bebendo dunha fonte acústica e tradicional e o seu obxectivo é precisamente divulgar esa a música tradicional galega divertindo o público.
O concerto de Leirabuxo é dunha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.