- A festa gastronómica por excelencia da Guarda comezará este ano ás 12:00h este venres
O porto da Guarda xa se está preparando para a XXXIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, cunha carpa máis grande, de 1.200 metros cadrados, que abrirá por primeiro ano ás 12:00h este mediodía. Xusto antes, ás 11:30h, o Grupo de Gaitas da Terceira Idade porán en aviso do comezo da festa cun pasarrúas para encher os recunchos da Guarda de Música.
A inauguración oficial da festa co pregón será ás 20:30h este venres. O pregón volve ao porto da Guarda e conta cun persoeiro de luxo, Rafa Durán. O humorista e presentador de Baiona, será o encargado de darnos a benvida a este 33ª edición da festa. Ademais, farase entrega da Langosta de Honra á Agrupación Musical da Guarda.
Oexterior da carpa do porto converterase en escenario de tres concertos máis. A banda Meighalho, a Agrupación Musical da Guarda e O Sonoro Maxín para desfrutar da mellor gastronomía con música durante todo o fin de semana.
Ademais este ano contamos cun espectáculo moi diferente e dirixido ao público familiar, o sábado ás 20:00h. Trátase do espectáculo “Volando vengo!” de Kanbahiota, catro trapecistas que mesturan humor e acrobacias.
“A Festa da Langosta xa vai máis alá dunha carpa onde comer”, manifestaba o alcalde, Roberto Carrero, “este ano contamos con moita música, ademais gran parte dela de orixe local, e con espectáculo para desfrutar en familia dunha fin de semana espectacular”.
Durante o sábado e domingo haberá saídas de navegación co volanteiro Piueiro tanto pola mañá (11:00 e 12:00h) como pola tarde (17:00 e 18:00h). A información e as reservas estarán dispoñibles no punto de información do interior da carpa.
Nesta edición, o Concello da Guarda aposta por ampliar a festa tras os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de langosta (270kg só o sábado ao mediodía). Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa.
Polo tanto, unha carpa de 1.200 metros cadrados estará aberta durante os tres días da fin de semana no porto da Guarda para desfrutar dunha comida excepcional. Entre os máis de 20 produtos e pratos mariñeiros, a langosta segue ser a protagonista e os restaurantes ofrecen a langosta cocida e á prancha. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é o roscón de xema, sobremesa típica guardesa desde hai máis de 70 anos.