A peza teatral, para público adulto, poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Manuel Dopazo da Bandeira como parte da programación da vila polo Día Internacional da Muller
+Escénicas trátase dun circuíto de teatro e danza promovido pola Deputación apra os concellos de menos de 20.000 habitantes, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 9 marzo o teatro ao Concello de Silleda cunha actividade enmarcada no circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de espectáculos de artes escénicas nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, e cuxa segunda edición acaba de ser convocada cun orzamento de 195.000 euros fronte aos 150.000 euros da primeira. Esta función correspóndese á programación do primeiro circuíto, que completará a súa andaina este mes de marzo tras percorrer 49 concellos.
En Silleda, Isabel Risco porá en escena, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Manuel Dopazo de Bandeira, o espectáculo “Bravas”, que ademais forma parte da programación da vila para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. “Bravas” é o segundo espectáculo unipersoal da actriz Isabel Risco, no que ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. É unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valioso clan no que elas mesmas crean, manteñen e constrúen.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra).