O espectáculo “Pum Pum, quen hai?” representarase a cargo da compañía Ártika Cía no Auditorio municipal de Catoira ás 18:30 horas no marco de +Escénicas
A proxección “+Cuñados” de Luis Avilés terá lugar no Auditorio Valle Inclán ás 19:00 horas no marco do Ciclo Mestre Mateo
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 19 de outubro a Catoira un espectáculo sobre a diversidade social e cultural a cargo da compañía Ártika Cía e a proxección de “+Cuñados” ata Vilanova de Arousa. Trátanse de iniciativas enmarcadas, respectivamente, no programa provincial +Escénicas e no Ciclo Mestre Mateo, que neste caso promove a Deputación xunto coa Academia Galega do Audiovisual.
“Pum Pum, quen hai?” representarase no Auditorio municipal a partir das 18:30 horas e está pensada para o público infantil. Esta peza de teatro vibrante e chea de cor mergullará aos espectadores de Catoira na vida da aldea de Gaia, que os guiará a través dos xogos e segredos das portas do seu pobo. Cando aparecen novos veciños misteriosos, a obra desvela unha serie de equívocos cómicos que destacan a importancia da diversidade e da aceptación. Esta produción, cun profundo arraigo cultural e un enfoque en temas sociais actuais, promete ser reflexiva e enriquecedora.
Pola súa banda a longametraxe “+Cuñados” conta como a familia Ribeiro se prepara para desfrutar do Entroido, a festa favorita de calquera bo ourensán, cando aparece Andreia Nunes en busca de vinganza. Esta situación complicará as cousas para os cuñados, que os meterá nun novo enredo que rematará cun cadáver no medio da ponte internacional de Tui e que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.