- A oficina municipal comezará este luns a chamar ás persoas reclamantes que roldan as 400
- A demanda colectiva permitirá recuperar preto dun millón de euros para a cidadanía
A Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) de Bueu presenta unha demanda colectiva para a reclamación dos gastos hipotecarios. Despois de case dous anos de traballo recadando os datos e documentación, dende a oficina municipal levarase á vía xudicial os expedientes de reclamación de gastos, co que se agarda recuperar preto dun millón de euros en total das 400 persoas que o solicitaron.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, turismo e consumo, salientan que “a aposta que fixemos no seu momento pola apertura desta oficina de atención ás persoas consumidoras, mostrouse como moi favorable, pois é un servizo que presta axuda, asesoramento e mediación e que permite defender ás persoas máis vulnerables non só de forma individual senón a través de demandas colectivas, como xa fixemos noutras ocasións”.
A OMIC iniciouse en febreiro do 2024 unha demanda colectiva para reclamar os gastos hipotecarios, que inclúe os de rexistro, taxación e xestoría e a metade dos de notaría. A partir deste luns, 13 de outubro, dende a oficina comezarase a chamar a todas as persoas reclamantes dende o número 986324625, polo que se lembra que as persoas deberán ter a man calquera xustificante do que lles pagase o banco para facilitar a tramitación.
Durante a chamada, dende a OMIC indicarase a cantidade a reclamar segundo as facturas achegadas, así como a documentación que faga falta completar e pedirase autorización para a presentación da vía xudicial. Dado que se dispón dun gran volume de expedientes, dende o consistorio prégase á cidadanía que teña paciencia pois chamarase ao longo das próximas semanas. Así mesmo, e para evitar a saturación, as persoas reclamantes deberán agardar pola chamada e non adiantarse.
Esta demanda colectiva permitirá reclamar colectivamente os gastos hipotecarios, nos que estarían recoñecidos a totalidade dos gastos de rexistro, taxación e xestoría, e a metade dos de notaría. Para poder facer isto efectivo, o departamento de consumo estivo revisando toda a documentación das persoas solicitantes e buscarase completar a que falte, para a continuación enviarlla ao Despacho de Calixto Escariz, dende onde se encargarán de presentar a citada demanda.



