HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este sábado a Rodeiro o circuíto +Escénicas cun espectáculo...

A Deputación leva este sábado a Rodeiro o circuíto +Escénicas cun espectáculo de teatro infantil

- Anuncio -spot_img

“Falemos como galegas”, de Migallas Teatro, representarase ás 21:00 horas na Praza da Fonte

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de agosto o circuíto +Escénicas a Rodeiro da man do espectáculo infantil “Falemos como galegas”, a cargo de Migallas Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Falemos como galegas”, que se representará na Praza da Fonte ás 21:00 horas, é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan cuestións relacionadas coa lingua galega, como por exemplo os falsos tópicos e prexuízos arredor dela ou cal é o seu futuro. María Campos e Carlos Yus dan vida nesta peza, dirixida a público mozo pero tamén adulto, a un feixe de personaxes entre as que se atopa a popular señora de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa “Luar” e toda unha icona do castrapismo.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas