HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este sábado ata Mos a xeira de contacontos ‘Cantareiras,...

A Deputación leva este sábado ata Mos a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

- Anuncio -spot_img

Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no Pazo de Mos ás 18:30 horas

Organizaranse ata 35 citas destes obradoiros nos próximos meses ao longo de todo o territorio provincial

A Deputación de Pontevedra leva este sábado, 21 de xuño, ata Mos a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A cita terá lugar ás 18:30 horas no Pazo de Mos e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros ao longo de todo o territorio provincial.

A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Neles, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Tralo seu paso por Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela este venres e o sábado en Mos, en xullo esta actividade chegará aos concellos de Salvaterra de Miño (Casa da cultura o 4 de xullo ás 10:00 horas), Ponteareas (Parque da Perillana, 4 de xullo, 11:30 horas), Portas (praia fluvial do río Umia, 8 de xullo, 10:00 horas), Vilagarcía de Arousa (CEIP A Lomba, 8 de xullo, 12:00 horas), O Porriño (Praza Arquitecto Antonio Palacios, 9 de xullo, 10:30 horas), Gondomar (CEIP Chano Piñeiro, 9 de xullo, 12:00 horas), O Grove (Casa da cultura Manuel Lueiro Rey, 10 de xullo, 11:30 horas), O Rosal (Auditorio municipal, 11 de xullo, 10:00 horas), Oia (CEIP Mestre Manuel García, 11 de xullo, 12:00 horas), Cuntis (Praza das árbores, 11 de xullo, 19:00 horas), Pontecesures (11 de xullo, 21:00 horas), Pazos de Borbén (Área recreativa do torreiro de festas de Nespereira, 13 de xullo, 19:00 horas), Mondariz (Xardíns do Concello, 13 de xullo, 20:30 horas), Cambados (Biblioteca Luís Rei, 15 de xullo, 11:30 horas), Meaño (CEIP Coirón-Dena, 17 de xullo, 10:30 horas), Ribadumia (Piscina municipal, 17 de xullo, 12:00 horas), Moraña (Edificio multiusos, 22 de xullo, 12:00 horas), A Lama (Campo de fútbol municipal de Racelo, 23 de xullo, 11:00 horas), Ponte Caldelas (Casa da Cultura, 23 de xullo, 12:30 horas), Cangas (Xardíns de Andrea, 24 de xullo, 20:00 horas) e Soutomaior (Carballeira do peirao de Arcade, 27 de xullo, 18:00 horas).

Publicacións Relacionadas