“GPA (Galego para adolescentes)”, de Avelino González, representarase ás 20:30 horas no Multiúsos de Arcade
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 23 de maio o circuíto +Escénicas ao concello de Soutomaior da man do espectáculo “GPA (Galego para adolescentes)”, a cargo do actor Avelino González. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“GPA (Galego para adolescentes)” representarase no Multiúsos de Arcade ás 20:30 horas e é unha conferencia-espectáculo sobre a lingua para todas as idades, que se define como un tratado de filoloxía emotiva, unha sesión de psicoloxía lingüística, un enredo sobre a morfoloxía e a sintaxe e un titorial sobre como usar a lingua. Avelino González é contacontos e actor, coñecido polos seus papeis en series como “Padre Casares”, “Serramoura” ou “Seis hermanas”, ademais dunha extensa carreira no teatro tamén como director.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.