Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no Parque de Ankar da vila ás 19:00 horas
Organizaranse ata 35 citas destes obradoiros nos próximos meses ao longo de todo o territorio provincial
Deputación de Pontevedra leva este xoves, 5 de xuño, ata Poio a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. Tralo seu paso por Vila de Cruces, Barro e Bueu, a cita chega ás 19:00 horas ao Parque de Ankar de Poio e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros ao longo de todo o territorio provincial.
A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Neles, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Ademais, elaborarán un debuxo mural en directo e interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións. Os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Ata a data xa está confirmada a chegada desta actividade a Cerdedo-Cotobade, o 13 de xuño ás 12:30 horas no CEIP de Tenorio e, o mesmo día, ata as Neves, onde se poderá desfrutar ás 17:00 horas no Auditorio José Gil, e Tomiño, ás 19:00 horas na Praza do Seixo. O 19 de xuño será a quenda de Catoira, ás 11:30 horas no CPI de Progreso; o 20 de xuño ás 19:00 horas nos Xardíns da Xunqueira en Redondela; e o 21 de xuño ás 18:30 horas no Pazo de Mos. En xullo a actividade chegará a Ponteareas, Portas, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Gondomar, O Grove, O Rosal, Oia, Cuntis, Pontecesures, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia e Moraña.