Terá lugar este martes, 29 de abril, ás 19:30 horas, en Moraña e será retransmitida en streaming a través das webs da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas
Ademais do interior, na Gala de Turismo renderase homenaxe ás entidades implicadas no proxecto de calidade turística do SICTED, que leva vinte anos implantando a Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra leva por vez primeira na súa historia a Gala de Turismo ao interior da provincia, en sintonía coa campaña promocional deseñada polo organismo para este 2025: Cando volves? O acontecemento terá lugar este martes, 29 de abril, ás 19:30 horas, no Pazo da Toxeiriña de Moraña e será retransmitida en streaming a través das páxinas webs da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas.
A Gala será dinámica e participativa e xirará arredor dos eixos e das pezas audiovisuais da campaña Cando volves?, estreada en Fitur en xaneiro e que foi xa premiada en festivais de campañas de promoción turística en Xapón e Sudáfrica. Deste xeito, ao longo do acto farase unha viaxe polo interior da provincia a través das súas paisaxes, da súa historia, dos seus sons ou mesmo do firmamento e contará, para elo, con persoas convidadas que completarán as imaxes con información sobre estas e outras moitas cuestións.
Ademais, a calidade turística terá un papel principal durante a Gala de Turismo. Deste xeito, serán protagonistas as empresas da provincia que conseguiron o distintivo de calidade turística do SICTED este ano e aproveitarase tamén para render homenaxe a aquelas que levan implicadas neste proceso de mellora continua desde que a Deputación de Pontevedra comezou a implantalo na provincia no 2005, hai xusto 20 anos.
A Gala será conducida pola xornalista Rocío Delgado e contará coa actuación musical de Montedapena. Trátase de Héctor Rodríguez, membro de Lontreira, que durante a Gala presentará o seu proxecto artístico en solitario.