• A actualización do PXOM e o Peprica, a creación de chan industrial con bonificacións fiscais para as empresas que contraten mozos pontevedreses, a colaboración institucional coa Universidade de Vigo ou a redución dos tempos das licenzas municipais entre a batería de propostas do PP de Pontevedra
• Domínguez: “Quero liderar unha Pontevedra moderna, na que axudemos aos mozos para atopar unha vivenda a un prezo alcanzable e na que ofrecer oportunidades de emprego de calidade para que constrúan o seu proxecto de vida no termo municipal”
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra presentou unha batería de propostas para facilitar o acceso dos mozos á vivenda, ademais de atraer e reter o talento novo coa oferta de emprego de calidade para que decidan construír o seu proxecto de vida na cidade.
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o concelleiro Guille Juncal reivindicaron a importancia de actualizar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), vixente desde 1989; a modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) de 2003; reducir os tempos das licenzas municipais co uso da ferramenta ECCOM da Xunta de Galicia, que achega seguridade e celeridade ás administracións locais en materia de control urbanístico.
Igualmente, os populares apostan por redobrar a colaboración institucional coa Universidade de Vigo, co obxectivo de impulsar unha residencia de estudantes no centro de Pontevedra e reclamar máis graos e facultades, en base a un plan estratéxico que analice os perfís e os modelos de negocio máis demandados na cidade.
Doutra banda, o PP insiste na necesidade de cambiar o discurso negacionista que o BNG trasladou desde o Concello ás empresas, e que xerou a perda de numerosas oportunidades de negocio, para avanzar cara a un modelo ambicioso coa creación de máis chan industrial e de bonificacións para que as empresas instálense no termo municipal, contratando a mozos censados en Pontevedra.
“Apostamos por potenciar acordos co tecido empresarial para poñer en marcha potentes programas de inserción laboral para menores de 36 anos, acompañados dunha política ambiciosa e inconformista, que se proxecte ao exterior para captar máis investimentos rendibles para o municipio”, engadiu Juncal tras dicir que non se resignarán a que Pontevedra sexa vista como unha cidade dormitorio.
Neste sentido, Domínguez comprometeuse a “liderar, se conseguimos a maioría absoluta en 2027, unha Pontevedra moderna, na que axudemos aos mozos para atopar unha vivenda a un prezo alcanzable e na que ofrezamos oportunidades de emprego de calidade para atraer e reter o talento na nosa marabillosa cidade. Os mozos teñen que ser os grandes protagonistas do cambio que necesitamos para avanzar como capital de provincia”.
Proximamente, o líder dos populares comezará unha rolda de contactos para establecer vías de comunicación directas, e traballar conxuntamente desde antes das eleccións, co Colexio de Arquitectos Técnicos de Pontevedra (COATPO), o Colexio Oficial Arquitectos de Galicia (COAG), os promotores e os construtores que teñen Pontevedra no seu ámbito de actuación.