O galardón trátase dunha iniciativa conxunta das catro deputacións provinciais galegas e da Xunta de Galicia que se organiza cada ano desde 1977. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia
Pazo provincial, 1 de xuño de 2025. A Deputación de Pontevedra será a anfitrioa do Premio Otero Pedrayo 2025, que mantén aberto ata o próximo venres, 6 de xuño, o prazo para presentar candidaturas ao galardón que destinará 16.000 euros a persoas ou traballos de difusión destacados no campo da cultura galega. O premio, cuxas bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, trátase dunha iniciativa conxunta das catro deputacións galegas e da Xunta de Galicia que se organiza cada ano desde 1977.
O Premio Otero Pedrayo ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha persoa destacada no campo das letras e do coñecemento, ou ben un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promova os valores propios de Galicia ou aquelas obras que leven ao esclarecemento e á mellora da cidadanía e institucións galegas. Deste xeito, poderán optar ao premio as persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia, os grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promover a cultura galega e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e mantemento da cultura galega.
A opción ao premio determinarase por unha candidatura que poderá ser efectuada tanto por persoas físicas ou xurídicas, como por entidades académicas e culturais, así como polos presidentes das deputacións provinciais de Galicia a proposta das súas respectivas comisións de Cultura, ou ben desde a Xunta de Galicia ou o propio xurado. E xunto coa candidatura deberá achegarse unha recensión biográfica da persoa ou agrupación que aspira ao premio, documentación e antecedentes de interese, cinco exemplares do texto ou traballo co que se opta ao premio ou o regulamento/estatutos no caso de agrupacións ou institucións.
O xurado encargado de valorar o Premio Otero Pedrayo 2025 estará integrado polo presidente da Xunta de Galicia e o presidente da Deputación de Pontevedra, como presidente e vicepresidente respectivamente, e como vogais actuarán os presidentes das tres deputacións galegas restantes, así como o presidente da comisión de Cultura da Deputación de Pontevedra, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, representantes da Universidade de Santiago de Compostela, da de Vigo e da de Coruña, un integrante da Real Academia Galega, outro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e tamén da Fundación Otero Pedrayo, así como cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria que serán designadas pola Xunta de Galicia e as deputacións provinciais. Como secretario actuará o secretario da Deputación de Pontevedra.
O pasado ano recibiu o Premio Otero Pedrayo a Coral de Ruada e, ao longo da súa historia, este galardón recaeu en persoas tan senlleiras da cultura galega como Carlos Casares, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Acisclo Manzano, Ángel Carracedo, Margarita Ledo, Antía Cal, Menchu Lamas ou Rorario Álvarez, e en entidades como o Museo de Pontevedra, a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pedro Barrié de la Maza e, entre outras, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez e Castelao.