HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobiliza esta semana dous colectivos de Lalín nos seus programas...

A Deputación mobiliza esta semana dous colectivos de Lalín nos seus programas formativos de participación social +Xuntas e Provincia Activa

- Anuncio -spot_img

Usuarios da Asociación de Familias e Mulleres Rurais Deza asistirán a un obradoiro de pilates no marco de Provincia activa, o programa da Deputación que busca impulsar o envellecemento activo

Tamén nun curso de pilates participarán mulleres da Asociación Mulleres de Muimenta ao abeiro de +Xuntas, o programa destinado a promover a igualdade e crear espazos de encontro para mulleres

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas para colectivos sociais, neste caso de Lalín, no marco dos seus programas formativos e de participación social +Xuntas e Provincia activa. As dúas accións suporán a mobilización de máis de 40 persoas maiores e mulleres da localidade dezá.

O luns 23 de xuño arranca a actividade do programa Provincia activa, unha iniciativa que busca impulsar o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, así como fomentar a participación e crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Trátase dun obradoiro de pilates no que participarán 25 usuarios da Asociación de Familias e Mulleres Rurais Deza.

Por outra banda, o martes 24 de xuño comezará tamén outro obradoiro de pilates para 18 mulleres da Asociación Mulleres de Muimenta. Será ao abeiro do programa +Xuntas, unha iniciativa que busca promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través da creación de espazos de encontro social que, ademais, fomentan a empregabilidade das mulleres.

No marco de Provincia activa, a Deputación ofertou este ano 14 obradoiros divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural”, “Saúde en movemento”, “Emociónate”, “Outra vida”, “Con ritmo!” e “Reder@s”. O programa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo deste ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.

En canto a +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Publicacións Relacionadas