HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará a próxima semana máis de 1.300 persoas de entidades...

A Deputación mobilizará a próxima semana máis de 1.300 persoas de entidades de 14 concellos ao abeiro do programa provincial +Convivencia

- Anuncio -spot_img

Serán 19 actividades que achegarán ás persoas participantes ata lugares tan singulares da nosa provincia como as illas Cíes, Ons, Tambo e San Simón, ou o mosteiro de Poio

A Deputación de Pontevedra continúa a próxima semana as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con 19 novas actividades das que desfrutarán 1.347 persoas da provincia a través de entidades do Porriño, Meis, Redondela, Vila de Cruces, Marín, Salceda de Caselas, Lalín, Vilaboa, Vigo, Baiona, Fornelos de Montes, Silleda, Tui e Meaño. A actividade máis demandada terá lugar este sábado 14 de xuño coa visita ás illas Cíes (Vigo) de 146 persoas da ANPA Santa Eulalia do CEIP Atios (O Porriño).

Tamén o sábado 50 persoas da ANPA Fonte de Peso viaxarán ata as illas Cíes desde Marín. Este mesmo día realizaranse dúas saídas á illa de Ons (Bueu) con 50 participantes da Asociación Cultural Mulleres Rurais A Palleira e outros 46 da ANPA San Pedro de Cesantes, procedentes de Redondela e Meis, respectivamente. A xornada complétase coa visita guiada por Cabo Home e un paseo en barco ata a illa de San Simón, que desfrutarán 50 mulleres rurais da Asociación de Loño (Vila de Cruces).

O domingo 15 de xuño continúan as visitas ás Cíes que realizarán 145 participantes da ANPA do CPI O Toural (Vilaboa) e 70 mulleres máis da Asociación Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena (Meaño). Tamén serán tres as actividades á illa de Ons, nas que participarán 136 persoas procedentes da APA do Colexio Fontes-Baiña (Baiona), 78 máis da ANPA do CEIP Porto-Cabeiro de Vilar de Infesta (Redondela) e outras 54 da Asociación Mulleres Rurais Caselas (Salceda de Caselas). Ademais, 38 mulleres da Asociación Veciñal-Cultural de Estacas (Fornelos de Montes) coñecerán a Illa de Tambo e o mosteiro de Poio.

As actividades do domingo completaranse coa viaxe a Combarro e Bueu desde Silleda de 50 persoas da Asociación Cultural Festa dos Callos e 40 da Asociación Gaiteiros da Pereiriña. Procedentes de Vigo, 65 participantes da ANPA Doutor Fleming, 55 veciños da Asociación Praza da Miñoca e outros 54 da Asociación San Roque visitarán o parque forestal de Saiáns (Vigo), Tui e o mosteiro de Poio, respectivamente. Por último, 50 participantes da Asociación Mulleres en Igualdade de Busto (Lalín) trasladaranse ata Baiona.

O xoves, 19 de xuño, terán lugar dúas saídas nas que participarán 140 persoas da APA A Porteliña-Pazos de Rei (Tui) que desfrutarán dunha xornada de praia no Grove e outras 30 procedentes da asociación ASVIDAL de Vigo que viaxarán á Illa de San Simón.

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas