HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación mobilizará esta semana máis de 600 veciños de nove concellos...

A Deputación mobilizará esta semana máis de 600 veciños de nove concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia

- Anuncio -spot_img

As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como as illas Cíes, Ons e Sálvora, o Mosteiro de Carboeiro, o Pazo de Liñares ou as fervenzas de Parafita e Raxoi, e realizarán un paseo en catamarán pola Ruta do Mexillón

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 607 persoas chegadas desde os concellos de Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, Crecente, A Estrada, Pontevedra, Redondela, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A veciñanza que estes días participa no programa visitará a Casa do Patrón e o Pazo de Liñares (Lalín), o Mosteiro de Carboeiro (Silleda), a praia fluvial da Ponte e as fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga), as illas Cíes, Ons e Sálvora, a comarca do Morrazo, Cambados, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Salvaterra de Miño e Vigo, así como realizará un paseo en catamarán pola Ruta do Mexillón.

As saídas da semana do programa +Convivencia comezan este venres, 19 de setembro, cun grupo de 55  usuarios da Asociación Lar Pro Salud Mental, de Vilagarcía de Arousa, que realizarán unha excursión a  Vigo e desde este mesmo concello serán outras 20 persoas máis da Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra cara Salvaterra de Miño.

O sábado 20 de setembro 50 usuarios da Asociación Veciñal da Parroquia do Freixo (Crecente) visitarán a comarca do Morrazo e Pontevedra, 30 participantes do Recuncho da Lingua (A Estrada) coñecerán o Mosteiro de Carboeiro en Silleda e a Casa do Patrón e o Pazo de Liñares en Lalín, e 45 veciños máis da Asociación para el Desarrollo Educativo y Cultural (Pontevedra) viaxarán á Illa de Arousa. Esta xornada complétase coa excursión de 30 usuarios da Asociación de Veciños Penelas de Aguasantas (Cerdedo-Cotobade) a Cangas, cunha ruta por Cambados e Vilanova de Arousa por parte de 43 persoas da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo) e cunha visita á praia fluvial da Ponte e ás fervenzas de Parafita e Raxoi en Valga que realizarán 42 mulleres da Asociación Santa Isabel (Silleda).

As actividades continúan o domingo 21 de setembro con dúas excursións ás illas Cíes por parte de 74 persoas da Asociación Diagnosticados de Cancro de Mama (Cangas) e 78 participantes máis da Asociación ANHIDA (Vigo). Este mesmo día 42 veciños Asociación de Festas do Carmen de Soutoxusto (Redondela) viaxarán ás illas de Ons e Sálvora. Por último, o luns 22 de setembro 68 usuarios de ACCEM (Vigo) visitarán tamén as illas Cíes e o martes 23 de setembro outros 30 da Asociación Amencer-Aspace (Pontevedra) realizarán un paseo en catamarán pola Ruta do Mexillón.

+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

Publicacións Relacionadas