Entre o 28 e o 29 de xullo realizaranse accións presenciais arredor de cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como Google e o deseño 3D
A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato presencial e telemático, celebraranse entre o luns 28 e o martes 29 de xullo e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como Google e o deseño 3D.
O luns 28 de xullo celebrarase o obradoiro presencial “Ferramentas de Google para usar no día a día do teu negocio”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina da Estrada. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, dará a coñecer como sacar o máximo proveito das ferramentas gratuítas e así xestionar os ficheiros, as comunicacións e o tempo de forma eficiente e sinxela desde calquera dispositivo. As persoas interesadas pódense inscribir no seguinte formulario.
Por outra banda, o martes 29 de xullo ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro en liña “Deseño 3D online con OnShape 2, Deseño básico” coordinado pola oficina de Barro. A sesión levará ás persoas participantes a crear os seus primeiros debuxos nun plano, transformar imaxes ou diagramas en figuras xeométricas e dar vida aos seus deseños, elevándoos ao mundo tridimensional con OnShape, sen necesidade de instalar programas. Será impartida por Manuel Tornos, asesor da propia oficina con máis de 30 anos de experiencia en novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.



