Entre o 2 e o 6 de xuño realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como redacción adaptada ao SEO, rexistro de marca, xestión de incidentes, escoita activa ou impresión 3D
A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 2 e o venres 6 de xuño e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a redacción web orientada á mellora do posicionamento orgánico en buscadores, a escoita activa, a impresión 3D ou o rexistro de marcas, entre outras.
O luns 2 celebrarase o obradoiro telemático “Redacta os textos da túa web ou tenda en liña para posicionarte en Google”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. A redacción dos textos dos sitios web e tendas en liña é un dos principais elementos para o posicionamento SEO en Google, e na sesión os asistentes descubrirán aspectos importantes á hora de obter uns bos resultados de procura. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
O martes 3, en formato telemático ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro “Protexe a túa marca: rexistro e estratexia” coordinado pola oficina de Vigo coa colaboración de ISERN Patentes e Marcas. Os participantes aprenderán a importancia de protexer unha marca e do seu rexistro como estratexia clave para garantir a identidade e o valor dunha empresa tanto no mercado físico como no dixital. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
O mércores 4, en formato telemático ás 12:30 horas, a Deputación organiza o obradoiro “Xestión de incidente e Thread Intel mediante servizo xestionado nun SOC/NOC ENS+ da Rede Nacional de SOC”. A actividade consistirá nunha charla sobre a xestión de incidentes mediante servizos xestionados nun Centro de Operacións de Seguridade (SOC), onde se monitorea, prevén, detectan, investigan e responden as ameazas cibernéticas. A actividade está enmarcada no contexto do Grupo de Traballo de Empresas do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, grazas á colaboración de Sermicro e a Deputación. As inscricións poden realizarse no seguinte formulario.
Tamén o mércores, ás 17:00 horas na oficina de Cambados, terá lugar o obradoiro “Social Media Listening: descobre que se di de ti nas RR.SS.”. O obradoiro abordará esta ferramenta do márketing dixital que permite facer contido co que crear compromiso coa marca, supervisando as conversacións en redes sociais co obxectivo de escoitar, analizar e mellorar os produtos ou servizos adaptándoos ao consumidor. O obradoiro será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar neste formulario.
O xoves 5 realizarase o obradoiro telemático “Impresión 3D no 2025, Slicers actuales 1/4, panorama”, ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Barro. A acción ofrecerá un panorama actual da impresión 3D, o mercado e as laminadoras máis utilizadas (a súa evolución, vantaxes, que permiten facer …). O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Tamén o xoves terá lugar o obradoiro telemático “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”, ás 17:00 horas coordinado pola oficina de Pontevedra. O segundo obradoiro dedicado ao SEO tratará sobre os factores externos que afectan un sitio web e inflúen no seu posicionamento. Tamén se ofrecerán as mellores prácticas SEO e a forma de medilas con analítica web. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia no ámbito da comunicación dixital e o márketing en liña. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Por último, o venres 6 realizarase o obradoiro “Crea a túa tenda en liña con Prestashop I: e-commerce e tenda en liña”, ás 9:30 na oficina de Ponteareas. Nel os asistentes aprenderán que é Prestashop, un sistema de xestión de contidos libre e de código aberto pensado para construír desde cero tendas en liña de comercio electrónico, para pequenas empresas ou grandes corporacións. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.