HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica...

A Deputación organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

- Anuncio -spot_img

Entre o 16 e o 19 de xuño realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como o growth márketing, o comercio electrónico, as redes sociais ou o deseño 3D

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 16 e o xoves 19 de xuño e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como o growth márketing, o comercio electrónico, as redes sociais ou o deseño 3D, entre outras.

O luns 16 celebrarase o obradoiro telemático “Bizum: a evolución dos pagos dixitais”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Acelera Pyme Rural de Cambados. Bizum é unha ferramenta de comercio electrónico que xa usan máis de 28 millóns de persoas en España e nesta sesión amosarase como adaptala a cada negocio. Será impartida por José Luis Taboada, asesor da propia oficina de Cambados con máis de 25 anos de experiencia no sector e especialista en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 17, en formato telemático ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro “Pinterest para e-commerce” coordinado pola oficina do Porriño. Os participantes coñecerán como conseguir máis vendas a través desta rede social da man de Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais e especialista en márketing e dirección comercial. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

Tamén o martes ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro telemático “Growth Márketing: estratexias para un crecemento sostible do teu negocio”, organizado pola oficina de Pontevedra. Na sesión darase a coñecer como o growth márketing axuda a manter o crecemento das empresas a través da análise de datos, da experimentación e da optimización continua. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria profesional asesorando a empresas no ámbito da comunicación e do márketing dixital. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O mércores 18 a Deputación organiza ás 16:30 horas o obradoiro presencial “Creación e análise dunha base de datos de aloxamentos” na oficina de Acelera Pyme Rural de Ponteareas, no que os participantes aprenderán a crear a súa propia base de datos cun rexistro de reservas e clientes, que lles axude na súa toma de decisións. A sesión correrá a cargo de Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións poden realizarse no seguinte formulario.

O xoves 19, ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Barro, terá lugar o obradoiro telemático “Deseño 3D online con OnShape 1, xestión documental e primer deseño”. A sesión abordará como facer deseño asistido por ordenador empregando OnShape, unha solución gratuíta, colaborativa e en liña. Manuel Tornos, asesor do Centro de Educación e Formación de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC será o encargado de impartilo, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

Por último, tamén o xoves realizarase o obradoiro presencial “Crea vídeos de alto impacto só co teu Smartphone”, ás 17:00 horas organizado pola oficina de Cambados. As redes sociais son cada día máis visuais, polo que é importante mostrar todo o potencial das empresas a través de vídeos profesionais. Neste obradoiro, daranse a coñecer diferentes técnicas, tomas e movementos de cámara, así como a mellor maneira de editalos e publicalos. Será impartido por Lara Taboada, licenciada en Deseño Gráfico e Estudos Artísticos, con experiencia en composición fotográfica creativa. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

Publicacións Relacionadas