Serán o sábado 17 e o domingo 18 de maio con saída ás 12:00 horas das Ruínas de San Domingos, e para participar será necesario inscribirse antes do venres, 16 de maio, a través do formulario dispoñible na web do Museo
Con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos, A Deputación organiza dúas visitas guiadas polos edificios do Museo de Pontevedra: “A ruta do Museo”. As visitas terán lugar o sábado 17 e o domingo 18 de maio, con saída ás 12:00 horas desde as Ruínas de San Domingos e cunha duración prevista de hora e media. Para participar é necesario inscribirse antes do venres ás 14:00 horas a través do formulario dispoñible na web do Museo.
O percorrido entrará nas Ruínas de San Domingos, o Edificio Castelao e o Edificio Sarmiento, ademais de visitar o exterior dos edificios Fernández López, Castro Monteagudo e García Flórez. “A ruta do Museo” céntrase na historia dos edificios, da súa importancia na historia da cidade e da evolución dos seus usos ata converterse en parte do Museo de Pontevedra.
Esta actividade pretende poñer o acento na importancia de que a cidadanía coñeza o seu patrimonio e o vínculo que o une coa cultura e coa comunidade. Os edificios do Museo non son só as sedes nas que se conservan as súas coleccións, senón lugares emblemáticos da cidade e que xogaron diferentes papeis ao longo da historia. “A ruta do Museo” entronca así co lema do Día Internacional dos Museos deste ano: “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”.
Máis visitas e Xornadas de Educación
Os mesmos días 17 e 18, tamén ás 12:00 horas, o Museo ofrece as súas habituais visitas guiadas á colección permanente, que se desenvolven cada sábado e domingo. Teñen unha hora de duración e non é necesaria a inscrición previa.
A programación do Museo de Pontevedra polo Día Internacional dos Museos complétase coa celebración a finais de mes, os días 29 e 30 de maio, das IV Xornadas de Educación. Co título: “Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías”, reunirá a profesionais de museos, asociacións e colectivos culturais de toda a península, cun programa que inclúe conferencias, mesas redondas, coloquios e presentación de comunicacións.