HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da...

A Deputación organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

- Anuncio -spot_img

Entre o 26 e o 30 de maio realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como fotografía de produto, axenda de citas, impresión 3D ou posicionamento en buscadores

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 26 e o venres 30 de maio e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a Intelixencia Artificial, a fotografía de produto, a axenda de citas, o deseño para impresión 3D, a metodoloxía para emprendedores Lean Startup e o posicionamento en buscadores.

O luns 26 celebrarase o obradoiro telemático “IA como ferramenta de márketing”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Cambados. Na sesión explorarase como a IA está a revolucionar a forma en que as empresas interactúan coa súa clientela e toman decisións estratéxicas no campo do márketing, a través da personalización, a segmentación e a automatización nas campañas. O obradoiro será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 27, en formato presencial ás 17:00 horas, realizarase o obradoiro “Fotografía de produto para o teu E-commerce e Redes Sociais” na oficina de Cambados. O obradoiro abordará a fotografía de produto como o escaparate no mundo en liña e, polo tanto, o coidado que cómpre ter á hora de realizar fotografías porque da calidade da imaxe dependerá a capacidade de aceptación ou desexo de consumir os produtos ou servizos ofertados. Será impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

Tamén o martes se celebrará o obradoiro telemático “Apps para axendar citas no teu negocio”, ás 12:00 horas coordinado polo punto SmartPeme+ de Lalín. O obradoiro abordará o concepto da produtividade, dando a coñecer ferramentas en liña que axudan a automatizar os procesos de calendarización de citas. Será impartido por Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas e con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa. As inscricións poden realizarse no seguinte formulario.

O mércores 28, ás 12:00 horas e coordinado pola oficina de Barro, terá lugar o obradoiro “Intelixencia Artificial e deseño para impresión 3D”. Os participantes descubrirán como a IA está revolucionando o deseño da impresión 3D explorando ferramentas e técnicas que usan algoritmos intelixentes para optimizar deseños, xerar formas complexas e personalizar obxectos de xeito innovador. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O xoves 29 realizarase o obradoiro telemático “Como empregar a IA para facer SEO”, ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Pontevedra. Os asistentes verán como as novas ferramentas de Intelixencia Artificial poden resultar moi útiles á hora de preparar estratexias de posicionamento en buscadores. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia no ámbito da comunicación dixital e o márketing en liña. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

Por último, o venres 30 ás 10:00 horas celebrarase en Ponteareas o obradoiro presencial “Introdución ao Lean Startup”. Nel afondarase nos principios básicos desta metodoloxía, un enfoque práctico e dinámico para crear e xestionar novos proxectos emprendedores. Este obradoiro está pensado como un primeiro asesoramento emprendedor, cun enfoque participativo e accesible. Será impartido por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación e asesora de emprendemento, e as inscricións poden formalizarse neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

Publicacións Relacionadas