Trátase, tal e como remarcou o presidente Luis López, “dun dos mellores escaparates globais das Rías Baixas”
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno o patrocinio da etapa 16 de La Vuelta ciclista a España deste ano para a promoción do destino Rías Baixas, cunha achega de 140.000 €. “O deporte é unha ferramenta fundamental para a promoción da nosa provincia”, remarcou o presidente provincial quen engadiu que esta proba se ten convertido “nun dos mellores escaparates de promoción turística do mundo”.
A etapa que patrocinará a Deputación de Pontevedra terá lugar o día 9 de setembro e desenvolverase entre Combarro, no Concello de Poio, e o Castro de Herville, no Concello de Mos. Trátase dun percorrido de 173 quilómetros que ascenderá a catro portos de montaña e permitirá amosar espazos da costa da provincia e tamén do interior, moi en liña coa campaña de promoción do organismo provincial deste ano, Cando volves?
La Vuelta a España é seguida cada ano por máis de 17 millóns de telespectadores e ten repercusión en 190 países. “Así que esta etapa, de seguro, será un gran revulsivo para captar a atención de turistas de todo o mundo porque as imaxes que capta o helicóptero de La Vuelta son, sen dúbida algunha, a mellor campaña que un territorio pode facer”, destacou o presidente Luis López.