HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación pecha este domingo o programa Son Verán en Vilanova de...

A Deputación pecha este domingo o programa Son Verán en Vilanova de Arousa cun concerto de Teo Cardalda e María Monsonís en homenaxe a Valle Inclán

- Anuncio -spot_img

Teo Cardalda e María Monsonís ofrecerán o concerto “Descubrindo a Valle Inclán” en homenaxe ao autor como broche de ouro desta novidosa iniciativa provincial, formada por espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia

A Deputación de Pontevedra pecha este domingo 26 de outubro o programa provincial Son Verán en Vilanova de Arousa cun concerto en homenaxe a Valle Inclán a cago de Teo Cardalda e María Monsonís. A actuación terá lugar no Auditorio Valle Inclán a partir das 19:00 horas no marco desta nova iniciativa provincial que levou, entre agosto e outubro deste ano, 13 concertos ata enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia.

“Descubrindo a Valle Inclán” trátase dun espectáculo que mestura música e literatura, que bebe do traballo discográfico Claves líricas, editado por Altafonte, e que contén un libro disco con manuscritos, fotografías, láminas inéditas e nove poemas de Valle Inclán musicalizados por Teo Cardalda. Deste xeito, proporcionará aos asistentes en Vilanova de Arousa un novo xeito de achegarse á figura deste ilustre escritor, á súa dimensión creativa e tamén de recordar a estreita relación que gardou coa súa provincia natal, coa que tivo un vínculo especial que marcou a súa traxectoria.

Esta primeira edición de Son Verán, cun grande éxito de público, levou a nomes recoñecidos do panorama musical galego a contornas paisaxísticas e patrimoniais de referencia na provincia de Pontevedra. Trece citas en total que, ademais de  “Descubrindo a Valle Inclán” de Teo Cardalda e María Monsonís, encheron da música tradicional e celta de Carlos Núñez e Óscar Ibáñez o Castro da Troña en Ponteareas, o Mosteiro de Poio e Vilanova de Tenorio no concello de Cerdedo-Cotobade; da música de Emilio Rúa lugares de Vila de Cruces, O Rosal e A Cañiza; e da homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti o porto de Cangas, a excolexiata de Baiona e o auditorio de Sanxenxo.

Publicacións Relacionadas