Colocáronse dúas redes cubrindo uns 2.300 metros cadrados e contratouse unha avaliación do estado de toda a fachada que determinará se é necesario renovala.
O Concello de Pontevedra rematou esta semana a instalación da malla protectora da fachada do Pazo da Cultura, unha solución que os servizos técnicos municipais acordaron logo de que no mes de marzo unha lousa caese nunha das terrazas do edificio.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez explicou no inicio da súa colocación que o sistema de ancoraxe dos anos 80, empregado nas lousas desta fachada, non tiñas as garantías de seguridade que se requiren hoxe en día. E a pesar de que o risco de que outra lousa caese era “moi pequeno”, en palabras de Demetrio Gómez, o propio concelleiro explicou que o Concello preferiu asegurar toda a fachada para garantir a seguridade de todas as persoas que pasen por este lugar.
O proxecto consistía en dúas actuacións simultáneas: estudar exactamente cal era a seguridade da cuberta que se reflicte nun informe que en breve se entregará ao Concello, e garantir que, se houbese un problema de seguridade, as pedras quedasen ancoradas na fachada. Para iso colocáronse dúas redes de arredor de 2.345,00 m2: unha pola parte interior -pegada á fachada- de malla 20X20 mm con diámetro de corda 2,3 mm, e unha segunda -pola parte exterior, como segunda capa- con malla 100×100 con diámetro de corda de 5 mm. As dúas redes van instaladas en vertical desde a parte superior á parte inferior da fachada con ancoraxes cada 3 – 4 m de altura formando cintos que arrodean a fachada.
Esta intervención de emerxencia tivo un custe de 384.992,04 euros, dos cales 14.157,00 euros foron para a avaliación dos danos por desprendementos e estudio da patoloxía en revestimento de fachada, de medidas provisionais para seguridade e posibles solucións a tomar, adxudicado a Refuerza consultoría técnica. E 370.835,04 euros para a implantación das medidas de protección e seguridade na fachada, adxudicado a Construcciones Ramírez.
Unha vez rematada a instalación da malla de seguridade, o informe de avaliación determinará si o Concello renova ou non a fachada do edificio, aínda que o concelleiro Demetrio Gómez xa indicaba no inicio dos traballos que toda apuntaba a que si.