Trátase da primeira das xornadas da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que se desenvolverá na Casa Cultural San Adrián de Calvos a partir das 16:30 horas e na que participará o deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís
Tras Fornelos de Montes, +Convivir chegará este ano a Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Pontevedra, Ribadumia, Bueu, Oia, Barro e Tui
A Deputación de Pontevedra pon a funcionar este sábado en Fornelos de Montes a segunda edición do programa +Convivir. Trátase da primeira das xornadas do 2025 desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que se desenvolverá na Casa Cultural San Adrián de Calvos a partir das 16:30 horas e ata a que se desprazará o deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís. Tras Fornelos de Montes, a segunda edición de +Convivir chegará a Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Pontevedra, Ribadumia, Bueu, Oia, Barro e Tui.
A xornada na Casa Cultural de San Adrián de Calvos prevé sumar a centos de persoas que gozarán dunha xornada lúdica pero tamén de aprendizaxes. Neste eido, haberá sesións formativas relacionadas cos primeiros auxilios, pero tamén sobre a importancia da musicoterapia ou da ximnasia de mantemento. Ademais, a actividade completarase coa música da Banda Municipal da Lama e cun refrixerio para as persoas asistentes.
+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. O pasado ano, foron case 4.000 as persoas que desfrutaron das sete citas organizadas pola institución ao longo da xeografía provincial.